A Xunta de Galicia levará a Baiona, no verán, a mostra itinerante da Cidade da Cultura sobre o Camiño Portugués
• O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude anunciouno durante unha visita á Biblioteca municipal deste concello pontevedrés
• López Campos destaca que as terras do Baixo Miño teñen un “especial protagonismo” nesta exposición con imaxes desta ruta de 35 fotógrafos de ambos dous lados da Raia
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na visita que hoxe realizou á Biblioteca municipal de Baiona
Infogauda / Baiona
A Xunta de Galicia levará no verán, a Baiona, a exposición O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e terra da Cidade da Cultura, que recompila imaxes desta Ruta Xacobea, a través da ollada de 35 fotógrafos de ambos dous lados da Raia. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na visita que realizou á Biblioteca municipal deste concello pontevedrés, onde salientou o “grande éxito” rexistrado pola mostra “con máis de 32.000 visitantes” durante a súa itinerancia ao longo destes dos últimos anos desde o Museo Centro Gaiás, en Santiago de Compostela, ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo ata á Sala de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez, en Tui.
O responsable de Cultura do Goberno galego lembrou que esta exposición está enmarcada no Plan de Itinerancias da Cidade da Cultura “para expandir a programación do Museo Centro Gaiás por de toda Galicia” e fixo fincapé no “especial protagonismo” nesta mostra das terras do Baixo Miño.
71 instantáneas da paisaxe e patrimonio entre Porto e Santiago
O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e terra amosa, a través de 71 instantáneas dos séculos XIX, XX e XXI, as realidades, paisaxes e patrimonio da ruta xacobea que unen as cidades do Porto e Santiago de Compostela. Con esta finalidade recolle, entre outras, fotografías históricas tiradas no primeiro terzo do século XX por Pacheco, José R. Seco, José Moreira ou o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen retratou a vida, as xentes e as paisaxes da España dos anos 20.
A estas imaxes súmanse olladas antigas e contemporáneas da bisbarra e dos pobos lindeiros da fronteira portuguesa, como as que achegan José Gouveia Gomes Junior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Modesto Martínez, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario