23 de nov. de 2024

TOMIÑO

Tomiño lanza ‘Rebiblar’, unha innovadora campaña participativa para crear o fondo bibliográfico da futura biblioteca  

  A veciñanza poderá doar libros en perfecto estado que xa non utilicen para contribuír a crear este espazo cultural e sostible  


A alcaldesa - no centro - con varias persoas integrantes do goberno municipal do Concello de Tomiño, na presentación de ‘Rebiblar’, unha innovadora campaña de recollida de libros
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño   

 Cada libro ten o poder de escribir unha nova historia e Tomiño sabe que a cultura tamén se constrúe en comunidade. O Concello reafirma o carácter participativo da súa futura biblioteca co lanzamento de ‘Rebiblar’, unha innovadora campaña de recollida de libros que busca implicar de novo á veciñanza para crear o fondo bibliográfico deste servizo municipal que albergará o espazo Isaura Gómez. A iniciativa, que convida á tomiñeses e tomiñesas a doar os exemplares en perfecto estado que xa non usen, non necesiten ou non queiran, non só axudará a crear de xeito colaborativo un espazo cultural máis rico, senón que tamén dará unha segunda vida a exemplares que, en moitas ocasión, están esquecidos nos andeis das casas tomiñesas.  

 A alcaldesa, Sandra González, destacou a importancia dunha campaña “que potencia o espírito participativo co que naceu e co que se desenvolveu dende o primeiro momento o proxecto da futura biblioteca. ‘Rebiblar’ é unha continuación dese espírito, unha mostra do poder da colaboración veciñal para crear un espazo de convivencia, lecer e sostibilidade que fomente o acceso á cultura é á educación”. 

 A campaña de recollida comezará nos vindeiros días e os veciños e veciñas interesados en participar poderán depositar os seus libros no Concello ou solicitar un servizo de recollida a domicilio gratuíta en Tomiño con cita previa a través da web municipal. Persoal técnico especializado fará unha selección dos exemplares recibidos para escoller os máis indicados que por temática, ano de publicación ou interese encaixen no fondo bibliográfico da nova biblioteca tomiñesa. 

 Aos libros que non poidan ser empregados na biblioteca serán destinados buscaráselles outros propósitos que permitan optimizar o seu uso, como doalos a centros educativos, asociacións ou centros veciñais de Tomiño ou reutilizalos para fins artísticos, entre outros. Novas finalidades que permitirán facer deste proxecto unha verdadeira rede de colaboración e reutilización. 

 A alcaldesa convida a todas as tomiñesas e tomiñeses a darlle unha nova vida aos seus libros e colaborar con esta innovadora iniciativa. “Cada exemplar doado non é só un libro, é unha ferramenta que promove a educación, a cultura e o compromiso social, converténdose nunha peza clave para o futuro de Tomiño. ‘Rebiblar’ mostra o poder da colaboración e do impacto positivo que xera a implicación de todas as veciñas e veciños na creación dun legado cultural para as futuras xeracións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario