O Rosal prepárase para a romaría de raíces centenarias na honra de San Martiño
Centos de romeiros participarán este domingo 10 de novembro, na tradición secular de subir en procesión a imaxe do santo a ombros ata a capela
Infogauda / O Rosal
O Rosal quenta motores para retomar unha das súas romarías con máis tradición do municipio: o San Martiño.
Por esa razón, este domingo 10 de novembro, centos de persoas veciñas do Rosal e da súa contorna subirán a imaxe do santo a ombros e en procesión ata a ermida, un ritual que se remonta ao século XVIII e que celebra a unión da veciñanza nun ambiente de música, tradición e profundo simbolismo.
Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “o San Martiño representa para todas e todos nós un vínculo co noso pasado e coas xeracións que nos precederon. Manter viva esta tradición, a pesar do paso dos séculos, é un orgullo para rosaleiros e rosaleiras”.
A programación do San Martiño comezará ás 10.30 horas, momento no cal a imaxe do santo sairá en procesión dende a igrexa de Santa Mariña do Rosal, situada na praza do Calvario, ata a ermida, onde ás 12.00 horas se oficiará unha misa solemne. Trátase dun percorrido con espectaculares tramos dos muíños do Folón e do Picón que estará animado por música e devoción, a partes iguais.
O luns 11 de novembro, o propio día de San Martiño, haberá misa ás 18.30 horas na igrexa de Santa Mariña e romaría animada polo grupo de gaitas Albariños do Rosal.
Unha das particularidades máis singulares desta romaría son os agasallos en especie que a veciñanza leva ata o santo, un costume que se remonta a hai moitas décadas, e que incluso facía que durante unha época os cazadores o mesmo día da romaría ofreceran as súas capturas para poxa.
“O San Martiño é moito máis que unha romaría. É a nosa historia, a nosa xente e o noso orgullo”, conclúe a alcaldesa Ánxela Fernández, quen anima a toda a veciñanza a participar este domingo nesta festa única que conecta ao Rosal co seu pasado e mantén viva a súa cultura ano tras ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario