19 de nov. de 2024

BAIONA

Visita ao CPI Cova Terreña de Baiona  

Abel Losada eloxia “o traballazo” da Garda Civil na prevención do delito na estrea da VI Ciberliga Nacional de retos no ciberespazo  

 O subdelegado subliña a importancia da formación porque “coa ciberseguridade gañamos todos, alumnado, pais e nais e o conxunto da sociedade”  

 A Ciberliga promove o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías  

 Son 13 os centros educativos da provincia participantes nesta iniciativa 

 

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, participou esta mañá no CPI Cova Terreña, de Baiona, na presentación da VI Ciberliga Nacional de retos no ciberespazo

Foto: S. de G.

Infogauda / Baiona  

 O subdelegado do Goberno, Abel Losada, participou esta mañá no CPI Cova Terreña de Baiona, na presentación da VI Ciberliga Nacional de retos no ciberespazo que organiza a Garda Civil e que contou coa participación do alumnado de 4º da ESO, destinatarios da modalidade pre-amateur creada o ano pasado. No acto estivo acompañado polo tenente coronel da Benemérita, Óscar Grañas, e polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña. Tamén participaron na presentación da iniciativa a directora do centro, Isabel Martínez, e o comandante da Garda Civil responsable da Ciberliga en Pontevedra, Álvaro Fernández.  

 Son 13 os centros educativos da provincia participantes nesta iniciativa e poderán inscribir aos seus equipos, ata o 22 de novembro, a través da web www.ligagc.com. Os equipos estarán compostos preferiblemente por 4 estudantes, que disputarán a fase clasificatoria en Galicia entre o 25 o 29 de novembro nos propios centros educativos. Os institutos clasificados disputarán a final no Centro Universitario da Garda Civil de Aranjuez no mes de marzo de 2025.  

 O subdelegado aplaudiu “o traballazo que realizan as mulleres e homes da Garda Civil en tódolos centros educativos da provincia, onde forman tódolos anos a centos e centos de alumnos sobre os riscos deste novo mundo dixital, que trae moitas vantaxes para a nosa sociedade, pero tamén moitos riscos, como demostra o continuo crecemento da ciberdelincuencia, que a día de hoxe supón o 25% de todos os delitos que se cometen na nosa provincia”.   

 Losada destacou que a Ciberliga é un formato divertido que complementa tamén as actuacións formativas que se realizan a través do Plan Director en todo tipo de ámbitos, tamén no dos delitos que se cometen a través da Internet. Subliñou que “coa ciberseguridade todos gañamos, alumnado, pais e nais e sociedade en xeral” e finalizou desexándolle “moita sorte e moita aprendizaxe” a todo o alumnado do CPI Cova Terreña nesta nova experiencia na que terán que enfrontarse e tratar de resolver, unha serie de ciber-retos que simulan situacións reais que poden atoparse cando navegan por internet. Para conseguilo deberán empregar todas as súas habilidades, traballando en equipo e poñendo en práctica as ensinanzas recibidas, especialmente na acción formativa que se desenvolve de maneira previa á competición.   

A Ciberliga  

 A Ciberliga foi creada no ano 2019 co obxectivo de contribuír ao fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade mediante a formación da cidadanía nesta materia. Este programa experimentou unha evolución paulatina chegando ao momento actual no que se estrutura en tres modalidades: Amateur dirixida ao estudantado universitario e de Formación Profesional; Profesional dirixida a axencias policiais e do ámbito da defensa así como empresas do sector privado e, finalmente, a modalidade Pre-Amateur, estreada o anos pasado e que é a que hoxe se presentou, para alumnos de 4º curso da ESO.  

 No caso da provincia de Pontevedra, amais do Cova Terreña de Baiona, os centros participantes son: o IES de Mos; o CPR Las Acacias, de Vigo; o Centro Plurilingüe A Paralaia, de Moaña; o Centro Plurilingüe Ángel de la Guarda, de Nigrán; o CPI de Progreso (Catoira); o IES  A Guía (Vigo), o IES Castelo (Vigo); o Centro Plurilingüe Losada, de Vigo; o Centro Plurilingüe María Inmaculada, de Vigo; o IES de Meaño; o Centro Plurilingüe San Narciso, de Marín; e o Sagrado Corazón, de Placeres, de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario