7 de out. de 2024

MOS

Xunta Local de Seguridade  

Abel Losada valora a intención de Mos de adherirse a VioGén 

O subdelegado felicita á alcaldesa pola decisión de sumarse ao Sistema Integral de Protección das Vítimas de Violencia de Xénero, que se materializará cun acto na Subdelegación o próximo xoves 

O Concello ten 34 casos activos, pero ningunha vítima con risco alto ou extremo 

Losada lamenta que o Concello perda este ano máis de 4.000 euros dos fondos do Pacto de Estado por non ter gastado os do exercicio anterior 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu xunto coa alcaldesa, Nidia Arévalo, a Xunta Local de Seguridade de Mos
Foto: S. de G.

Infogauda / Mos

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu xunto coa alcaldesa, Nidia Arévalo, a Xunta Local de Seguridade de Mos, na que se deu conta da inminente incorporación deste Concello á rede VioGén para a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero. A adhesión ao protocolo previo será asinada nun acto na Subdelegación do Goberno o próximo xoves. 

 O subdelegado felicitou á alcaldesa polo paso de adherirse a VioGén nunha Xunta de Seguridade na tamén tomaron parte membros da Corporación, persoal municipal, mandos da Garda Civil e da Policía Local, e a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María José Rodríguez. Para entrar en VioGén é necesario contar cunha dotación mínima de 4 policías locais. Mos convértese, deste xeito, no 18º municipio da provincia en adherirse. 

 A incorporación de Mos implica que a Policía Local pasará a colaborar coa Garda Civil no seguimento e protección das vítimas. O corpo municipal terá a responsabilidade unicamente nos casos de risco baixo ou non apreciado que se determinen no protocolo de colaboración entre ambos corpos, unha vez asinado o convenio coa Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior. 

 Na Xunta Local deuse conta de que neste municipio hai 34 casos activos, con 12 vítimas de risco non apreciado, 20 con risco baixo e 2 con risco medio. Non hai ningunha con risco alto ou extremo. Ademais, informouse de que a Mos correspondéronlle este ano 6.173 euros do Pacto de Estado de Violencia de Xénero, pero só ingresará 2.039 euros, pois a cantidade restante foille detraída na resolución publicada polo Ministerio de Igualdade por ter deixado Mos sen xustificar máis de 4.000 euros dos asignados no exercicio anterior. O Pacto de Estado estipula que os fondos que os municipios non xustifican pasan aos remanentes que se reparten entre os que si xustifican o 100% da súa asignación. 

 Pola súa banda, a Garda Civil informou de que Mos é un “concello seguro”, como demostra o dato de que a taxa de criminalidade é de 30,31 delictos por cada mil habitantes, moi por debaixo da media nacional, que está en 39,16 euros. As estatísticas do que vai de ano apuntan, de feito, a un descenso dun 3,02% con respecto ao mesmo período do ano pasado. 

 Finalmente, deuse conta do balance do Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos, no que a Garda Civil ofreceu 29 charlas informativas a 1.153 alumnos e alumnas do municipio e a 89 profesores e profesoras. Dende a Subdelegación do Goberno resaltouse que estase a facer unha aposta pioneira para levar estas actividades formativas tamén ao colectivo de nais e pais. A este respecto, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra organizou xa unha xuntanza informativa con ANPA de toda a provincia e, a resultas dela, creouse un formulario específico para que estas asociacións poidan solicitar charlas do Plan Director específicas para nais e pais. A iniciativa xa está a dar resultados neste comezo do curso escolar. Abel Losada pediu ao Concello que colabore difundindo a existencia deste programa dende a Concellería de Educación e dende a propia Alcaldía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario