20 de dec. de 2024

A GUARDA

SENTIRES NO MAR DA GUARDA


Vista do salón de plenos da Casa dos Alonso, na presentación do libro Piueiro. Caderno da Tripulación
Foto: A. C. de EE. TT. Piueiro

Joaquín Miguel Villa Álvarez 

Historiador  

 Dada a situación xeográfica que posúe o municipio da Guarda, xusto na esquina sueste de Galicia, entre o océano Atlántico e a desembocadura do río Miño, a presenza do mar na vida dos seus habitantes foi unha constante ao longo da historia. Mesmo xa na prehistoria, pois nas escavacións arqueolóxicas realizadas no monte Santa Trega apareceron enormes concheiros que denotan unha intensísima actividade pesqueira. E tamén obxectos vítreos, tanto fenicios como cartaxineses, que nos falan dun antiquísimo tráfico comercial marítimo. Xa na era de Roma a poboación do Trega coñecerá unha época de gran esplendor comercial, a tenor da enorme cantidade de ánforas atopadas, as cales chegaban por barco cheas de viño e aceite do Mediterráneo. 

 Pero, ás portas da Idade Media, A Guarda viuse ameazada por un grave perigo que viña do mar: a pirataría. Así, no ano 445, un ataque de piratas vándalos arrasou esta comarca levando un gran botín e prisioneiros. Posteriormente, nos séculos X e XI chegaron incursións musulmás e normandas. Sen embargo, no século XII a situación vai a cambiar pois o avance da Reconquista propiciou o nacemento de numerosas vilas de base comercial e pesqueira; entre elas A Guarda, onde ademais existía unha actividade moi lucrativa: a construción de barcos, estando situados os seus estaleiros no esteiro do Miño. A importancia que chegou a adquirir a flota guardesa quedou plasmada no escudo da localidade, que representa unha embarcación medieval, posiblemente unha galera, con toda a súa arboradura, repousando sobre as augas rizadas do mar. Un distintivo heráldico que, ao parecer, foille outorgado á vila polo rei de Castela Fernando III «O Santo», con motivo das axudas prestadas polos armadores guardeses na conquista de Sevilla en 1248. Moi probablemente, a finais da Idade Media conformouse xa unha potente flota pesqueira, en liña coa gran proxección mariñeira do veciño reino de Portugal. Desa época virá o nome da rúa Malteses, xa que antigamente, en toda a costa galego portuguesa se daba o nome de «malteses» aos xornaleiros do mar, isto é, a aqueles mariñeiros que non estando enrolados na tripulación fixa dunha embarcación vivían en grande número na beira do porto á espera de cubrir prazas vacantes. Tralo descubrimento de América en 1492, que iniciou a Idade Moderna, o comercio marítimo desenvolveuse espectacularmente; e a pesca tamén. Proba disto é a gran cantidade de industrias de cordoaría que se crearon entón para a fabricación de cordas, redes e outros aparellos dos barcos, que se estableceron nos barrios próximos ao porto. A mediados do século XVIII, concretamente en 1753, a flota pesqueira da Guarda estaba formada por 32 barcos pertencentes a 139 propietarios. Na relación que ofrece o Catastro do Marqués de Ensenada figuran algúns deles con alcumes tales como «bochechudo», «pedepunta» ou «reychiquito», un costume ancestral –o dos apodos– no barrio da Mariña que forma xa parte do seu patrimonio inmaterial.    

 A pesca na Guarda, sempre puxante, continuou sendo artesanal ata ben entrado o século XX. De feito será xa na década de 1920 cando os barcos a motor se impoñan aos de vela e remo. Esas primeiras motoras, de pequeno tamaño, foron investimentos empresariais dalgúns capitalistas guardeses, destacando o papel de varios indianos reconvertidos en armadores. Nos anos 50 os barcos guardeses dedicábanse á captura da pescada coa arte do pincho, e seguían sendo embarcacións pequenas e de madeira, con malas condicións de vida para os tripulantes (sen baños nin camarotes). Nos anos 60, co despegue económico de España, os barcos guardeses baixaron ata Portugal e na década de 1970 chegaron a Marrocos. Nese momento foi cando trasladaron a súa base de operacións de Vigo a Alxeciras, onde chegaron a amarrar ata 50 barcos. Este progreso do sector pesqueiro guardés vai a proporcionar ao barrio da Mariña unha particular configuración urbanística, xa que as antigas casas mariñeiras, humildes e moi estreitas, cada unha pintada da cor da súa gamela, creceron para o único lugar por onde podían facelo: cara a arriba. De tal forma que, hoxe en día, esta acumulación de estreitas e alongadas casas multicolores é o sinal de identidade máis acusado da vila da Guarda no seu conxunto. Na década de 1980 a puxante flota guardesa vai dar un enorme salto cara adiante ao especializarse na pesca do peixe espada coa arte do palangre, construíndose para elo novos e grandes barcos, todos eles fresqueiros. Nacía así a flota de altura guardesa. Un cambio motivado pola gran demanda deste peixe dende o mercado norteamericano que revolucionou a lonxa de Vigo. Esta nova flota dirixiu a súa actividade cara o Oeste, por todo o Atlántico norte, ata augas dos Estados Unidos. Nos anos 90 producirase un novo salto adiante coa construción de novas  e máis grandes embarcacións: os barcos conxeladores. Estamos ante a flota de gran altura guardesa. Unha substancial mellora motivada esta vez polo acceso dos armadores guardeses aos fondos estruturais europeos xestionados pola Xunta de Galicia. Esta nova flota conxeladora permitía xa mareas máis prolongadas e en lugares moito máis alonxados. Foi entonces cando os barcos guardeses cruzaron a franxa ecuatorial e se dirixiron ao Atlántico sur, chegando ata Sudáfrica; e algúns incluso ata Madagascar, no Índico, virando o Cabo de Boa Esperanza. 

 A comezos do século XXI estabilizouse xa a flota guardesa do Índico; pero dende alí moi pronto buscaron novos caladoiros no océano Pacífico, pasando por Australia. Outros barcos chegaron ao Pacífico dende o Atlántico norte (polo canal de Panamá) e dende o Atlántico sur polo estreito de Magallanes. Quere isto dicir que estamos ante un fenómeno de expansión a nivel planetario, sen que ningún dos caladoiros orixinais fose nunca abandonado. Non en van, esta pequena vila galega posúe neste momento unha enorme flota pesqueira de altura formada por uns sesenta barcos palangreiros, a gran maioría conxeladores, os cales se distribúen en cinco caladoiros: dous no Atlántico, dous no Pacífico e un no Índico. Así pois, cando se escriben estas liñas, o mar da Guarda atópase en pleno apoxeo, sen dúbida o maior da súa longa e dilatada historia. Un momento propicio para botar a vista atrás e recordar aquel universo mariñeiro, en gran medida xa perecido, que inevitablemente precedeu ao actual e tamén o fixo posible. Esquecer todo isto sería un verdadeiro naufraxio espiritual e cultural. E unha poderosa axuda para evitar esa perda son os vinte retratos de mariñeiros que nos regala Manuel Álvarez nesta publicación. Os seus rostros, modelados polas vivencias que tiveron dende a súa nenez, por todo o que sentiron cando comezaron a percibir o mundo que lles rodeaba, son testemuña marabillosa de cómo puideron ser os guardeses do mar de todas as épocas. Calquera deles puidera ser José Cadilla «bochechudo», Bartolomé Pacheco «pedepunta» ou José Lomba «reichiquito», mariñeiros guardeses do ano 1753. 

 As miñas máis sinceras felicitacións a Manuel Álvarez por teren levado a bo porto este orixinal proxecto, tan íntimo como didáctico para todos nós. 

 Moitas grazas.  

Nota da Redacción de Infogauda 

 O texto que vimos de reproducir, corresponde íntegramente a intervención de Joaquín Miguel Villa Álvarez, no acto de presentación - o pasado día 12 deste mes - do libro Piueiro. Caderno da Tripulación. (Alvarellos Editora). Un volume ideado polo fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez, e que conta cos versos de Marta Dacosta Alonso e fotografías de Manuel Álvarez. Foi impulsado pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario