13 de xan. de 2025

TOMIÑO

“Voces Novas” participou no 8º Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente celebrado en Bilbao 

 De Tomiño viaxaron Zuriña, Iván e Alejandra acompañados/as polo concelleiro de Mocidade Agustín González 


Grupo de participantes no 8º Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente, celebrado en Bilbao
Fotos: C.T.
A este importante evento asistiron tres integrantes (Zuriña, Ivan e Alejandra) do Consello da Infancia e Adolescencia ‘Voces Novas’, de Tomiño, acompañados polo concelleiro de Mocidade, Lecer e Participación Veciñal, Agustín González


Infogauda / Tomiño

 Preto de dous centenares de nenos, nenas e adolescentes, de 10 a 18 anos, procedentes de 60 grupos locais de participación infantil e adolescente de 16 comunidades autónomas, reuníronse a pasada fin de semana en Bilbao para debater, reflexionar e acordar propostas relacionadas coa protección fronte á violencia, no 8º Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente, celebrado baixo a lema “A mellor elección é unha boa protección”. A este importante evento asistiron tres integrantes (Zuriña, Ivan e Alejandra) do Consello da Infancia e Adolescencia ‘Voces Novas’, de Tomiño, acompañados polo concelleiro de Mocidade, Lecer e Participación Veciñal, Agustín González.

 No evento estivo tamén presente o Consello Estatal de Participación Infantil e Adolescente. Os/as participantes dividíronse en grupos de traballo para abordar temas como a identificación de diferentes tipos de violencia contra a infancia, ou realizar un mapeo de recursos dispoñibles nas localidades para xerar contornas seguras e protectoras. Ademais, propuxeron actividades para previr as situacións de violencia e elaboraron un “circuíto de protección”, que recolle os pasos que debería seguir un neno ou nena para poder comunicar algunha posible situación de malos tratos, abuso, neglixencia ou outro tipo de violencia que estea vivindo. 

 “Foi un encontro magnífico, donde puiden compartir co resto de concellos as iniciativas que levamos a cabo en Tomiño, e coller ideas do traballo que fan noutros municipios. Os nosos representantes de Voces Novas foron Zuriña, Ivan e Alejandra, que estiveron traballando nun manifesto conxunto, debatindo e realizando actividades sobre a protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia”, explicou o concelleiro de Mocidade. 

 Durante o encontro, os e as asistentes tamén reflexionaron sobre o contexto internacional de violencia contra a infancia, que afecta a 473 millóns de nenos e nenas que viven en situacións de conflito. “É fundamental falar de violencia contra a infancia, e que sexan os propios nenos, nenas e adolescentes quen acheguen a súa visión e as súas propostas”, considerou Lara Contreras, directora de Influencia, Programas e Alianzas de UNICEF España, sinalando que é necesario escoitar aos propios nenos, nenas e adolescentes, que teñen moito que dicir en canto aos problemas que lles afectan directa ou indirectamente. No peche, Iratxe, de 13 anos (Las Palmas de Gran Canaria), salientou que “os nenos e nenas que estamos nos grupos de participación infantil e adolescente tamén podemos mobilizarnos para poder ser parte na loita contra a violencia”. 

 Entre outras cousas, propuxeron aos municipios que conciencien á xente dos pobos ou cidades de que a violencia non está ben, tamén que doten as localidades de espazos de lecer para que a poboación non se senta soa e poida estar con xente que lles trate ben; e que estes espazos sexan gratuítos. No caso dos colexios, os mozos e mozas opinaron que “aínda que o profesorado ve situacións de violencia como pelexas, non actúa como debería; falta conciencia, tanto do alumnado, como de profesorado, para a prevención destes casos, así como tamén para saber tratalos

 Como resultado do traballo desenvolto no encontro, creouse un manifesto con ideas, reflexións e propostas dos asistentes. “Este manifesto levarémolo aos nosos municipios, cidades e encargarémonos de que o escoiten todos os adultos, especialmente os políticos”, advertiron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario