27 de set. de 2024

TUI

DOLORES SOTO, CONCELLEIRA DO PP, PRESENTA A SÚA RENUNCIA POR MOTIVOS PERSOAIS E PROFESIONAIS, E SERÁ SUBSTITUÍDA NO GRUPO MUNICIPAL POR ADRIÁN VILA  

A edil, que formalizou a súa marcha no pleno deste xoves 26, expresa o seu agradecemento ao voceiro Nico Montes, aos seus compañeiros e demais integrantes da corporación e anuncia que seguirá estando á disposición do Partido Popular.  

O futuro concelleiro, Adrián Vila, un recoñecido e reputado hostaleiro que destaca pola súa solidariedade e colaboración con diferentes entidades e asociacións, tomará posesión da acta no vindeiro pleno municipal.  


Nico Montes - no centro - con Dolores Soto e Adrián Vila 

Infogauda / Tui

 A concelleira do PP de Tui, Dolores Soto, presentou a súa renuncia á acta municipal no pleno do Concello de Tui, celebrado onte xoves, “por razóns profesionais e de conciliación”. O seu posto no Grupo Popular será ocupado por Adrián Vila.  

 Dolores Soto admitiu a súa pena ó ter que abandonar a corporación municipal, “xa que me gustaría continuar, é unha auténtica honra representar aos veciños e veciñas de Tui e poder traballar polo futuro da nosa cidade, pero non é posible conciliar as miñas obrigas persoais, familiares, profesionais e políticas, e, dado que ser concelleira de esta cidade esixe dunha implicación do cen por cen, é a miña responsabilidade dar un paso a un lado”.  

 A edil agradece a Nico Montes a confianza depositada na súa traxectoria e tamén amosa a súa gratitude polo respecto, respaldo e apoio tanto dos seus compañeiros do PP, como dos integrantes da corporación pertencentes ós demais partidos políticos e anunciou que seguirá apoiando ao PP de Tui póndose á disposición do partido para todo o que sexa necesario.  

 No seu lugar, incorporarase ao Grupo Popular tan pronto tome posesión no seguinte pleno, Adrián Vila, un recoñecido hostaleiro e barista gañador de diferentes premios nacionais e internacionais, un xove dinámico, comprometido coa súa parroquia, e colaborador de diversas entidades e asociacións. Adri Vila, como a el lle gusta que lle chamen, afirma estar “preparado e ilusionado para asumir este reto” e confía en poder aportar novas ideas e traballo constante para mellorar o benestar de todos os veciños de Tui.  

 Ante estes cambios, o voceiro municipal, Nico Montes, lamenta a marcha de Dolores Soto e quixo destacar a súa dedicación e o “grandísimo traballo” no seo do grupo municipal. Así mesmo tamén amosou a súa ilusión pola incorporación de Adrián Vila, “que ten un perfil completamente distinto” e afirma que “vai supor un sopro de aire fresco e un impulso importante para o noso proxecto”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario