O Rosal abre unha fiestra ao mundo a través do cinema na rúa
• O Concello, Solidariedade Internacional e Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade proxectarán varias curtametraxes relacionadas con proxectos en Guatemala
• Será este venres 13 ás 20.00 h na praza do Calvario de balde
Infogauda / O Rosal
As rúas do Rosal convértense nun escenario aberto á solidariedade e á reflexión a través do audiovisual. O Concello en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade acollerá este venres 13 de setembro, ás 20.00 horas na praza do Calvario, diante do Concello do Rosal, a actividade ‘Cine na Rúa: unha ventá ao mundo’, un visionado de balde, da man da ONG Solidariedade Internacional de Galicia de catro curtametraxes vencelladas aos proxectos de cooperación internacional que Galicia está a desenvolver en Guatemala.
Como afirma a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, trátase dunha actividade que busca “que a xente se sinta partícipe e coñeza de primeira man como a cooperación internacional pode cambiar vidas. O cinema é unha ferramenta moi poderosa para espertar conciencias e, ao facelo nun espazo público como a praza do Calvario, facemos que sexa accesible para todo o mundo”.
Estas pezas audiovisuais abordarán temáticas fundamentais como a soberanía alimentaria, a seguridade e hixiene alimentarias, así como o dereito a unha vivenda digna, á auga ou á educación, todas elas relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Ao rematar as proxeccións, abrirase un espazo de coloquio onde as persoas asistentes terán a oportunidade de compartir as súas impresións, formular preguntas e dialogar coas técnicas de Solidariedade Internacional de Galicia e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nunha conversa enriquecedora a través das temáticas tratadas.
A concelleira de Igualdade e Voluntariado, Beatriz Rodríguez, sinalou que con esta actividade “non se trata só de amosar as inxustizas, senón tamén os esforzos que se están a facer por garantir os dereitos fundamentais, xerando ademais un diálogo que se converterá nunha oportunidade única para construír un pensamento crítico colectivo”.
O obxectivo destas proxeccións é tamén poñer en valor a cooperación internacional que levan a cabo as entidades galegas grazas ao apoio dos concellos a través do Fondo Galego. Unha cooperación que se fundamento no acompañamento ás organizacións e entidades contraparte dos diferentes países fuxindo de paternalismos e asistencialismos, traballando man a man para entre todos e todas dar resposta ás problemáticas detectadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario