22 de ago. de 2024

CULTURA

Recanto da arte

Magín Picallo (escultor): "Eu canto mais miro para adentro, mais vexo o que hai fora"

"(...) en Valencia, é onde fixen máis traballos escultóricos e onde está miña mellor obra (...)"


Magín Julio Picallo Durán (Picallo) na exposición conxunta con Berto Franco, na Casa dos Alonso
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente 

 A indiscutible creatividade de Magín Julio Picallo Durán (Picallo), está representada na vila de A Guarda por cinco obras (Monumento ao poeta Feliciano Rolán. A Guarda, 1972; Monumento ao mestre D. Nicolás Gutiérrez Campo. A Guarda, 1987; Monumento ó mariñeiro desaparecido. Porto de A Guarda, 2003; Monumento ó Caudillo celta. Monte Santa Trega, 2004); e Monumento ao Dr. Joaquín Lemos Zunzunegui. A Guarda, 2023) todas elas ubicadas en espazos públicos.  


Magín Picallo xunto a unha das obras - en mármore - da súa autoría, que expuxo no Centro Cultural de A Guarda, en 2005

 Asemade, no interior da Clínica La Guardia, tamén podemos apreciar unha obra da autoría de Magín Picallo, que o escultor agasallou no seu día a seu amigo o relembrado médico Tito Lemos, en agradecemento “por haberme salvado á vida”, dixo a este cronista. 

 Ademais de ser un recoñecido escultor, con obras en diferentes cidades e vilas (A Guarda, O Porriño, Tui, Moaña, Baiona, A Estrada, Beariz, Cuntis, Forcarei, Goián, Ibi, Elx, Benidorm, Valencia,…), e tamén en coleccións privadas; Magín Julio Picallo Durán é autor do libro titulado De Roncesvalles a Santiago de Compostela: un escultor en el camino. Unha publicación de 442 páxinas, con  prólogo de Xesús Antonio Gulías Lamas; fotografías de Magín Julio Picallo Durán e de Javier Pérez Gallete; e ilustracións do propio Picallo, quen a súa vez é o editor desa obra, publicada en 2020. 


Monumento ao poeta Feliciano Rolán Vicente, obra de Magín Picallo
Monumento ó mariñeiro desaparecido, obra de Magín Picallo, ubicada na Ribeira do porto de A Guarda
Magín Picallo á beira de dúas obras escultóricas - entre elas o busto de don Ermelindo Portela Gómez - da súa autoría, que expón na Casa dos Alonso


 Magín Julio Picallo Durán, natural de san Ildefonso (Troans – Cuntis, 1948), e que formouse na Escola de Artes e Oficios, de Santiago de Compostela, onde foi alumno de Francisco Asorey; leva máis de medio século residindo e traballando en Goián (Tomiño). 

 Picallo Durán, artista moi recoñecido, está expondo novamente na vila de A Guarda, ata o vindeiro día 30 deste mes de agosto de 2024. Esta vez na Casa dos Alonso, onde podemos gozar dunha mostra conxunta de esculturas da súa autoría, e tamén cos debuxos a tinta chinesa de seu caro amigo, Luis Alberto Franco Lomba. 

 Ao fío da devandita exposición vimos de manter con Magín Picallo  á seguinte conversa:

Cando e cómo, sentíu Magín Picallo á chamada da arte escultórica? 

- A chamada da arte escultórica xa naceu conmigo, porque eu cando estaba no meu pobo, a min tocoume de rapaz pequeno - porque son fillo de labradores [súa nai chamábase Rosa Durán Reboredo, e seu pai Andrés Picallo Silva] - andar moito con gando, xa con 9 anos,…Entón entretía as miñas soidades cunha navalla, facendo cousas. E facendo esas cousas, empezaron a chamarlles á atención aos veciños. Daquela esas persoas empezaron a presionar sobre meu pai, decíndolle que eu tiña moita valía,…Que me tiña que mandar por aí, e que tiña que facer de mín un home. 

 Un home xa o era, pero bueno… 

 Resulta que daí empezou. Pero resulta que tamén tiven un mestre nacional que tiraba por mín. Entón foime facilitando ferramentas,… Eran moi precarias. E empecei xa, nas fincas que ten miña familia, na miña terra. Na maioría dos camiños onde hai pedras lisas teñen algún gravado meu. E claro, don José Losada Dopazo, que era o mestre, empezou a facilitarme escaiola, a comprarme láminas para debuxar,… Empezou a tirar por mín. Entonces a vocación apareceu ela por sí soia. E cada vez máis. Cada vez máis…

 Con 15 anos ingresei na Escuela de Artes e Oficios, de Santiago de Compostela. Tiña a vantaxe de que era nocturna. De 6 da tarde a 10 da noite. E resulta que podía traballar de albanel, para gañar para a pensión. 

 E fun coñecendo escultores, mestres meus da Escuela de Artes, que daquela eran todos mestres. Non eran funcionarios. Non era aquel que quitaba un diploma que colgaba nunha parede e xa era,… Senón aqueles que tiñan taller propio. Que tiñan obra monumental…E a eles tamén lles servía dun plus para gañar máis diñeiro. 

 Entón Asorey colleu un traballo grande e necesitou meter xente, e xa contou conmigo para axudarlle. Que polo regular era cando se trataba de traballos…, que había que resolver rápidamente. Entón metía máis xente. E iso, a nós, os principiantes, facilitábanos á vida.  E íamos, ao mesmo tempo, gañando experiencia en talleres. 

Asorey influíu tamén…

- Asoreu influíu una miña obra. Ainda hoxe na textura teño semellanzas con el.

 Despois influíu moito Fernando Barral. Pero xa foi no mármore. Porque Asorey traballaba máis na pedra que no mármore. E Barral traballaba máis o mármore que a pedra. 

Sabemos que Asorey era de Cambados. De onde era Barral? 

- Era de Santiago mesmo. 

Na súa contorna familiar e xeográfica, había ambiente propicio para á arte? 

- Soio un tío de meu pai, que lle chamaban Andrés Picallo, que para mín foi case como un avó, porque eu non coñecín avó ningún, e como era padriño do meu pai estaba sempre alí. Ese [home] era un gran artista. Un gran artesán. Sobre todo no que era a madeira. Sabía facer zocos; as rodas de carriños de cabalos, que eran moi complicadas, polos eixes e polos radios... Sabía facer de todo. Era moi habelencioso. Ademais, se un veciño necesitaba un cabaceiro, facíalle un cabaceiro…Se había que facer un carro de vacas, facíao. Se había que facer un palleiro, facía un palleiro. 

 Ese home axudoume moito, porque foi quen me regalou a navalla e me ensinou a afiar as ferramentas. Que é moi importante saber afialas. Inclusive me ensinou a afiar gubias. Que non é fácil. Sobre todo a pedra de bocas,… 

Logo da súa etapa na Escola de Artes e Oficios, en Santiago, onde continuou súa formación? 

- A primeira etapa foi en Santiago, e a segunda foi con [Xoán] Piñeiro, cando o coñecín en Vigo. E foi cando vín para Goián.  

 Piñeiro era moi bo en modelado, pero en oficio case lle gañaba eu. Daquela eu tiña 20 anos. Pero en modelado era algo fora de serie. 

 Todo o que fixen con Piñeiro foi copiar o que el creaba. E logo, despois, foi cando me puxen por miña conta, cando eu tiña 24 anos. E foi cando empezou – por iso eu lle teño agradecemento a A Guarda – a Comisión pro-homenaxe ao poeta Feliciano Rolán. Viñeron onde mín, o padre Orestes Caimotto e Berto Franco.  

 Despois tamén estiveron conmigo membros doutra comisión, na que tamén estaba Berto Franco, Rogelio [Vicente Lomba], o da confitería, entre outras persoas. Foi cando se fixo o monumento a don Nicolás [Gutiérrez Campo].

Con todo, o monumento a don Nicolás foi inaugurado máis tarde… 

- Pero foi todo naquela época. 

O encargo…

- O primeiro encargo foi no 1970. E o outro sería no 1972, máis ou menos. 

Cando considerou que xa podía establecerse como escultor? 

- Case foi unha necesidade, porque resulta que chegou un momento que entre Piñeiro e mais eu non nos entendiamos, porque había unha certa… 

 Piñeiro era un home bastante inxenuo. Deixábase influenciar… Foi cando empezaron a decir que eu traballaba e el firmaba. Cousa que era mentira, porque quen creaba era el. Eu sí, traballei, pero quen creaba á obra era el. 

 Despois os dous amigos que tiña, os máis importantes, que foron Eliseo Alonso e Xavier Pousa, empezaron a meterse con el, [decindo] que xa se notaba a man doutro artista no traballo del. Entonces cortoume e xa non me deixaba terminar. Entón a min xa non me interesaba. Chegamos a un momento, no que - eu que sempre lle traballei máis horas das que lle cobrei – empecei, no horario, a ser tallante. E a partir de aí, organicei un taller, e empecei a facer cousas nos intres libres. O principio con moito medo, pero tiven a gran sorte de que xa antes [dos monumentos] de Feliciano Rolán e de don Nicolás, había coñecido a José Luis [coñecido popularmente como “El niño de oro”]. E xurdiu o encargo da obra chamada coloquialmente como “A fonte dos carallos”, ainda que en realidade o título é “A aparición de Afrodita”, na que segundo o relato mitolóxico, naceu da espuma do mar, e xa sendo adulta, unha cuncha de vieira foi a que trouxo a Afrodita á Terra, dito sexa de xeito moi resumido. 

Esa foi unha das primeiras obras súas feitas por encargo? 

- O primeiro encargo foi un cruceiro para un espazo público nas Eiras. Nesa ocasión foi cando coñecín a José Luis, e foi cando me encargou á devandita fonte, que foi unha obra de envergadura. E iso valeume para medirme a mín mesmo. Porque, claro, eu tiña algo de medo. E foi saíndo, e así ata hoxe. 

En qué materiais foi realizada esa obra? 

- Leva un Neptuno, unhas nereidas e un grupo escultórico - que son os que collen a cuncha e transportan a Afrodita -, todo en mármore, agás a figura de Afrodita, que é de bronce. 

Cómo, cando, e por qué motivo, arribou Magín Picallo a Goián? 

- Unha vez que saín de Santiago fixen a “mili”. Tocoume para Vigo. E a través do Exército, querían facer unha representación da “Batalla de flores”, de Vigo, e realizar unha carroza. A maqueta habíaa feito Piñeiro. Daquela foi cando o tenente coronel presentoume a Piñeiro. 

 E despois, un escaiolista, un delineante,…, nos puxemos mans á obra, baixo á dirección de Piñeiro. E logo – sendo eu militar aínda – foi cando me recramou para traballar na obra [da igrexa] de San Xosé Obreiro. Despois tiven que voltar ao exército, en Vigo, e Piñeiro volveu a recramarme de novo, para empezar o monumento á Calvo Sotelo, en Tui. Logo xa me contratou para quedar, sendo daquela cando coñecín a miña esposa, e xa me radiquei aquí. 

 Aparte porque me gustaba. Encaixei moi ben e gustábame moito esta comarca. Eiquí hai unha paisaxe fabulosa, que en toda Galicia non hai outra igual. E síntome moi cómodo. 

Sentíu que en Goián, era o lugar axeitado para vivir e para crear? 

- Claro que sí, porque despois, entre medio, estiven traballando en Alacante, e tiven que ir para alí. Saíronme moitos traballos nesa provincia, pero eu xa tiña a casa empezada [en Goián]. E os fillos xa estaban crecendo. Entón voltei outra vez [a Goián], porque quería voltar. E despois seguín traballando para Valencia, durante moitos anos, desde eiquí e levando á obra para alá. 

Qué persoas lembra daquel Goián de outrora? 

- En Goián daquela había un ambiente… Xa sabes que eramos cinco. Estaba Eliseo Alonso. Foi un dos meus mellores amigos. Estaba Xavier Pousa. Vivía ainda Antonio Fernández, que eu coñecino en toda á década dos 60, porque el faleceu en 1970. Estaba Piñeiro, e despois estaba eu.  

 Había un ambiente cultural, onde nos xuntabamos no Centro [Goianés], e onde tiñamos nosas tertulias e moitas veces trasnoitabamos. Era un pequeno desastre pero bastante aproveitable. 

Desastre en qué sentido? 

- No que respectaba a horarios Estabamos ata as 3 da mañá. Eu sentíame como si estivera na miña casa. 

Cando realizou súa primeira exposición individual? 

- A primeira exposición foi no Ateneo, en Pontevedra, alá polo 1966 ou 1967. 

 Despois fixen outra, en Vigo.

 Na Comunidade Valenciá fixen un montón delas. 

E a resposta do público e da crítica, cómo foi? 

- A de Pontevedra foi extraordinaria. Porque eu levaba uns desnudos e resulta que como daquela ainda había censura e apareceron alí uns señores que me dixeron que ou tapaba esas figuras ou non me deixaban expoñer. E iso chamoulle á atención á prensa da comarca, e de Vigo,…, pero aparte diso interesoulle ao público. E foi apoteósica. Non de moitas vendas, pero sí de público e de propaganda… 

 E a segunda, na sala da Caixa de Aforros [Municipal] de Vigo, tamén saíu moi ben. Tiven unha crítica de arte de [Francisco de] Pablos moi boa. Aí xa tiven bastantes máis vendas. 

Cómo lle xurdiu o encargo de realizar o monumento Monumento als Geladors, en Ibi (Alacante)? 

- Eu xa había vivido en Alacante. Daquela chamoume o alcalde para presentarme aos membros dunha comisión formada por xeadores de diferentes lugares, que pasaban os invernos en Ibi e na primavera saían a diferentes localidades, como facian os canteiros de eiquí, que traballaban por temporadas e logo voltaban. Como os canteiros.

 Os talleres dos canteiros, polo regular, eran en carballeiras. Aproveitaban os meses de primavera e verán. Ía un pedreiro, que sacaba a pedra do monte. Ían os de asento, que eran os sentaban á pedra; os de pico, os de cincel,… E había un equipo. Entre todos facían á obra, cobraban e retornaban. 

Voltando ao Monumento als Geladors, como foi que contaron con Magín Picallo?  

 - Contaron conmigo, porque eu tiña fama de ser o que mellor traballaba á pedra na comarca. E a través doutros artistas foi cando me escolleron a mín. Cando lles presentei a maqueta gustoulles. Tiven que coñecer o proceso de elaboración dos xeados artesáns. Eles teñen os pozos de xeo nas montañas. Logo viña a elaboración e despois á venda polas rúas das vilas.  

 Estiven traballando un ano e pico nesa obra.  

 Despois foi cando me encargaron o [“Encontro entre dous Mundos”] de Baiona.

O  Monumento als Geladors, de Ibi, qué medidas ten, aproximadamente? 

- Ten uns cinco metros de alto, por uns dous ou tres metros de ancho. 

Que nos pode lembrar da súa estadía artística no Levante español? 

 - Iso sería moi longo de explicar. Tiven contactos, por exemplo en Elx, que un gran amigo - Ramón Ferrándiz Agulló -, me encargou obra a tamaño natural para o seu chalé. El púxome en contacto con toda a elite de Elx. A través del, houbo outro amigo común, que me puxo en contacto con Benidorm; outro que me puxo en contacto con persoas de Alcoi,..., e cheguei a traballar para toda a comarca. Mesmo en Valencia, onde fixen máis traballos escultóricos e onde está miña mellor obra. Está no restaurante La Noria, en Náquera. Co seu propietario fixen o Camiño de Santiago, e seguimos sendo moi amigos. 

 Despois vín para eiquí [Goián] e continuei traballando para o Levante. Fixen exposicións en Alcoy, Elx, Ibi,… 

A pegada de Magín Picallo tamén se aprecia nos pináculos e molduras que decoran a fachada plateresca do santuario de Nosa Señora de Gracia, no concello de Biar (Alacante). Como se producíu ese encargo? 

- Iso foi outra comisión [organizadora], pero daquela xa coñecía a Ramón Ferrandiz, e el a súa vez, tiña un amigo industrial, que formaba parte da Comisión para a restauración do santuario de Nosa Señora de Gracia Ese industrial presentoume o presidente, e este a súa vez, reuníu a comisión completa e citoume. Porque comezaran a facelos traballos uns catalans, e destruironlle a parte de abaixo, que iso non tiña nada que ver. Entón chamou ao arquitecto [Joan] Bassegoda [i Nonell] – que era moi importante, e ademais era profesor -, e nesa mesma reunión preguntáronme: e vostede como o faría?. 

 Eu díxenlles que o primeiro sería buscar, se era posible, a canteira, para empregar o mesmo gran. Se non aparecera, habería que buscar á mais próxima e unha vez que isto se conseguira, entón habería que comezar a suprimir a pedra que estivera mala, e poñer a boa. Hai que ir detrás de quen a fixo. Aí non podes ser ti. Ti tes que ser o outro. De non facelo así, podería derrubarse a fachada. 

 Tamén lles dixen que non estaba de acordo co plano que tiñan da parte de arriba. Isto non é neoclásico. Isto é plateresco. Como se fan os pináculos con bólas. Isto non ten nada que ver. Despois eses piares barrocos, que rompen con todo… Porque o plateresco é todo filigrana. E os pináculos son tallados. Non son xeométricos…  

 O arquitecto estaba calado. E ao final, díxolles o arquitecto: "Bueno. Lo que haga el gallego bien hecho está. Confío plenamente." 

 Despois presenteilles o orzamento e xa me encargaron os traballos. Ese foi o motivo de eu ir a Alacante. 

As creacións de Magín Picallo teñen un estilo moi definido. Como o denominaría vostede? 

- Esa é unha pregunta moi complexa. 

Claro que é. 

 - Moi complexa, moi complexa… Porque a obra non é un soio punto. Son un montón de circunstancias. O primeiro, cando che aparece o que nós denominamos a musa, A musa entra dentro dunha longa historia. Porque primeiro aparece á necesidade, e logo, pouco a pouco vas concebindo. No primeiro momento sabes o que queres, pero non sabes cómo. Ata que vai aparecendo. Pero logo, a través dos coñecementos é cando plasmas á obra. Eu, xa sabes, que son moi anatómico. E sabes tamén que son bastante clásico. 

 Pero a obra en sí ten que decir algo. Se non dí algo… Pero para iso tes que coñecer cómo funciona toda a musculatura do corpo. Porque non é que movas un dedo, porque iso ao mellor ten que ver cunha pequeña expresión na cara. Ti cando levas un golpe, tratas de esquivalo, pero automáticamente vén unha corrente nervosa que che pón en garda. E todo iso queda plasmado no movemento do corpo e tamén no que son as expresións. 

 Entón vas creando pouco a pouco, ata que dis: estou de acordo. 

 E logo simplificas. E decir, vou facer unha obra simple, pero que ten que decir o máximo. É o que se busca no abstracto. Non son tomaduras de pelo como hai. O abstracto ten que decir algo… 

En poucas palabras Magín. Esas figuras.  Esas anatomías humanas. Eses corpos alongados. Iso ten que ter, para vostede, como autor, unha motivación. Eses feitíos que son moi seus, ademais… 

- Iso entra dentro da sensibilidade. Eu son sensible a todo o que é inxustiza. Eu non tolero a inxustiza. Eu sempre digo que odio a falsedade e a prepotencia. Se ti es sensible, ti podes sentir o que lle pasa ao outro. Eu canto mais miro para adentro, mais vexo o que hai fora. Mais comprendo o que hai fora. Estou mirando dentro de min mesmo. Non sei se me explico… 

Sí.  

Vostede semella ter unha especial predilección por realizar súas esculturas en pedra do país, dito así de xeito xenérico. Sente a gusto traballando nese material? 

 - Sí, síntome completamente a gusto. Síntome a gusto, porque cada cousa que fas, e polo material que ao mellor lle vai, por exemplo. Se eu fago figuras, un pouco tratadas a planos, con certas quebradas e todo iso, entón quizais vaille mellor o bronce. E se eu termino máis a figura, vaille moito mellor o mármore.

 O mármore necesita moito máis acabado que a pedra. Coa pedra podes matizar. E podes quitar texturas… Pero iso é o oficio. Iso dancho os anos. Iso vaiche marcando durante toda á vida. Eu traballei toda a puta vida nisto. 

Temos observado que vostede tamén ten creado esculturas en mármore. Lembramos, entre outras a titulada “El Beso”, de 2,40 metros de altura, cuxo destino era - ou foi -  Valencia; ou tamén “O rapto de Perséfone”, nunha versión súa da obra de Gian Lorenzo Bernini, que forma parte dunha colección privada dunha familia de Goián. É o mármore un material agradecido para á escultura? 

- Si, sí si. O mármore, se o sabes traballar, é o máis agradecido. A proba tela, por exemplo, que as mellores obras de arte [escultórica] están feitas, case todas, en mármore. E Miguel Ángel, e Bernini – que acabas de citar – traballaban en mármore.

 A pedra é mais ben..., algo galego. Onde existe máis cantidade e máis calidade de pedra - o granito - é eiquí [en Galicia].  

 Outra vantaxe que ten, é, por exemplo no patrimonio. Nós témolo mellor conservado que, por exemplo, no sur. Porque á caliza desfaise, e o mármore colle unha cor moi escura, e a pedra,…, coa pátina do tempo, gaña. 

 A pedra é moi galega. Moi nosa. Porque ti miras os artistas franceses, italianos, gregos,…, e non fixeron nada en pedra. Non sei se o observaches. 

 Ti ves o Laocoonte, que para min é unha das obras... Porque ademais é un estudo anatómico perfecto, feito polos gregos [Atenodoro, Polidoro e Agesandro, da escola de Rodas], e incluso Miguel Ángel dixo: Encomiado sexa quen a fixo. 

 É unha obra de arte que ainda hoxe non se mellora. O seu significado está relacionado coa guerra de Troya. Aí entra moito a mitoloxía. Por exemplo, Neptuno estaba en contra desa guerra. Entón cando o rei quixo escapar cos seus fillos, foron atacados por unhas serpes do mar…  

 Ese é, máis ou menos, o significado. 

Ademais de en varios lugares de Galicia e de España, en qué países hai obras de Magín Picallo? 

- Pois en Arizona, Suiza, nas dúas Américas,… Pero eu non levei control. Agora vexo obras miñas, pero non as recordo. Eu levo traballando na profesión, ben a gusto, uns 70 anos.  

 Agora mesmo, estouche falando con toda sinceridade, hai moita xente que non sabe quen son, dentro da miña contorna. E ven xente preparadísima, que queda asombrada en cómo se puido facer tanto, e cómo se logrou isto. As veces fas tantas cousas que xa non sabes o que tes. Agora temos moitas cousas e xa non desfrutamos de ningunha. 

 Hai unha cousa, por exemplo, dentro da sensibilidade das persoas que escollen o camiño da arte, e teñen que seren sensibles, non cabe dúbida, pero aparte disto, [a arte] ensínache a estar en consonancia coa naturaleza. Ensínache a sentir polos demais, e ensínache a vivir as vivencias dos demais. E ensínache a compadecerche de todo o mundo. E ensínache, inclusive, a estar en contra de todo o que está mal. 

 Pero esas persoas agora, non che dan valor ningún. Agora é todo o contrario. 

Vostede fixo o Camiño de Santiago desde Roncesvalles, e nesta exposición na Guarda vemos varias obras súas que están inspiradas nese roteiro xacobeo. Que nos pode decir desa experiencia? 

- Na segunda etapa, saín de Lorca (Navarra), as 6 da mañá. Aínda había penumbra. E deixando o pobo atrás, nunha pequena montaña, senteime. Ao saír o sol, empezou a debuxarme o mesmo pobo cheo de matices. Os vermellos, os laranxas,… Todo iso estaba marcado. E as sombras todas, das liñas do pobo. Daquela recapacitei e pensei: o poeta [Antonio Machado] ten razón. Caminante no hay camino, se hace camino al andar... 

 Pero tamén é verdade que o camiño faino o que camiña. O camiño díceche que sexas prudente. Que non o podes coller con demasiado brío, porque te cansas. O camiño díceche cando tes que descansar. Por onde tes que ir. Que roupa tes que levar. Un montón de cousas. 

 E todo vaiche aparecendo diante dos ollos, sen buscalo. E como se estiveras nunha paisaxe cambiante ao longo dun mes completo. Porque a próxima paisaxe é distinta. As luces dánlle doutra forma. Xa está enfocado deica o oeste. Xa hai máis sombras dun lado que doutro...

 Despois os regatos, como vai nacendo a vexetación... E ti vas vivindo todo iso ao longo do camiño. 

 E non soio iso, senón que o camiño son as vivencias dos peregrinos. Porque as mesmas persoas que fan o camiño, polo regular son boa xente. Hai moitas persoas que ti nunca chegaches a falar con elas, porque non falan teu idioma, pero non sabías por qué, caíanche ben. Se falásemos o mesmo idioma podiamos facernos amigos. 

 Pero logo hai os xestos. Que ves como a xente che aprecia. Hai unha linguaxe xestual. Ti fixéchelle un favor… 

 Saín de Belorado, que agora está tan de moda, polo asunto das monxas [do Mosteiro de Santa Clara], e chovía. Entón vín unha rapaza, que eu non sabía que o era, porque estaba con roupa de augas, no medio do pobo e andaba catro pasos para diante e catro pasos para atrás. Estaba despistada e non sabía sair do pobo. Entón peteille un pouco no ombreiro e separándome un pouco díxenlle que me seguira. E seguiume, pero con vinte pasos de distancia ou máis. Non sabía se era maior, se era xove, non sabía nada. Ao sair da ponte, ensineille a frecha. E eu marchei diante. Ao pouco tempo xa a tiña ao meu lado. E foi cando vin que era unha rapaza duns 20 anos. Non puidemos falar porque era estranxeira. Andivemos un bo treito camiñando xuntos, ata chegar a unha gasolineira. Alí eu díxenlle, por señas, que ela andaba moito máis lixeira ca mín, e polo tanto que se fose, que eu ía máis lento. E sempre que me vía, facíame un xesto. En todas as etapas sempre me facía un xesto de agradecemento. Hai cousas así.

 Despois, por exemplo, en Burgos, que para mín ten a mellor catedral gótica de España, resulta que non ten perspectiva para vela. O mesmo acontece na de Toledo, e noutras. A de Santiago está bastante ben. E a de León. Esas dúas teñen espazo bastante. 

 É unha experiencia única que eu repetiría se “tivese pernas”,… 

O día da inauguración da exposición dixo unhas verbas referidas a A Guarda. Por iso, tendo en conta súa relación coa esta vila, qué obra lle gustaría realizar para esta localidade? 

- Que obra me gustaría…

Na Guarda hai cinco obras públicas, da súa autoría, pero cal sería a próxima obra que lle gustaría realizar ou inaugurar,… 

- Bueno. A Guarda ten tantos temas que non é fácil decir un. Pero eu faría algo representativo do mar. Porque naceu do mar e está no mar. Ten o Monumento ao Mariñeiro e o que fixen eu [o Monumento ao mariñeiro desaparecido].   

 Agora,…, necesitaría pasar por un período de pensar, porque iso non che sai da mañá para á noite…

Pero se lle digo o nome dunha persoa,…  

- A ver, dime.  

Don Ermelindo Portela Gómez. 

 - A don Ermelindo xa estivo proxectado facerlle un monumento. Incluso teño eu o busto feito. E tróuxeno á exposición, porque como unha empresa ía facer un edificio eiquí [entre as rúas Mariano Ordóñez e Brasil] e esa empresa foi a que me firmou o contrato para pagarme  Non sei que pasou aí, e resulta que eles asináronme o contrato e pagáronme unha parte para comezar a traballar. Que non chegaba a metade [do importe total].

Un sinal...  

- Que me deu para á fundición en bronce. Nada máis. E despois quedou así, e non se falou máis do asunto.  

 Entón eu teño ese busto aí. Eu ofreceríallo á familia. Ou senón que continuase o Concello con él. A min non me teñen que pagar nada máis que unha parte. Eu, se a familia lle interesara, deixaríallo nun prezo. Por exemplo, con que me pagaran o bronce e mais os gastos, que lles sairía, máis ou menos nuns 3.000 euros. E ao Concello, se tivesen ganas, pois deixaríallo na parte que me quedaron a deber. Nada mais. Uns cinco ou seis mil euros… 

Iso xa foi hai tempo e quedou así. 

Algo máis que engadir?

- O que dixen fai uns días. Que lle estou moi agradecido ao pobo de A Guarda, porque pensou en mín case sempre. Deume moito traballo a facer.  E os mellores amigos están na Guarda, ainda que por desgraza, dous deles xa morreron. Un foi o Sr. [Joaquín] Lemos [Zunzunegui]. Para min foi coma un irmán. E o outro era José [Antonio Vicente Lomba], que tiña unha imprenta. Despois había outro, que vivía en Camposancos e tiña oito fillos, me parece…

José Luis Lomba Alonso “Salero”. 

- Con esa persoa tamén tiña eu bastante amizade. 

 E Lomba [Luis Alberto Franco Lomba],…   

 E a maioría da xente da Guarda, son amigos meus. Ti tamén eres amigo. Un montón de persoas. Agora teño un montón de amigos na Guarda. Teño máis amigos na Guarda que en Goián.   

 Aparte que A Guarda é un pobo moi aberto. Síntome na Guarda como peixe na auga.

 Así é Magín Picallo. Un creador cabal de beleza. En irmandade co bronce, a pedra galega, o mármore,..., logrando darlles expresión e vida artística atemporal.  

 E unha sorte telo entre nós. Activo e constante, na madureza da vida. Que sexa por moitos anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario