10 de xul. de 2024

TURISMO

Xosé Merelles eloxia o labor dos cociñeiros galegos para encher a oferta turística das cidades e reforzar a calidade do destino 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na VIII Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia organizada por Turismo de Galicia


O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou onte na VIII Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou onte na VIII Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia, organizada por Turismo de Galicia, onde puxo en valor o labor dos cociñeiros galegos para encher a oferta turística das cidades “e reforzar así a calidade do destino con propostas gastronómicas que son quen de atraer cada vez a máis visitantes”.  

 Durante o acto, Xosé Merelles puxo de manifesto a importancia que teñen os concursos de tapas celebrados durante o outono e inverno nas distintas cidades galegas como “importantes reclamos para o noso turismo”. Como dixo, o ano pasado o 46% do total da demanda hoteleira en Galicia correspondeu aos destinos urbanos especialmente fóra de temporada alta “e é importante que conten cunha oferta de calidade e diversificada”, expresou.  

 Durante a súa intervención, Xosé Merelles eloxiou esta iniciativa creada pola Xunta de Galicia “a partir da cultura da tapa, pequenos petiscos cheos de sabor e matices capaces de sorprender aos padais máis esixentes”. Tamén lembrou que esta é a oitava edición desta cita que non deixa de sorprender “en capacidade creativa da gastronomía galega e na calidade dos produtos”. O director de Turismo de Galicia agradeceu moi especialmente a participación dos sete chefs nesta acción así como o seu traballo que xunto coa calidade do produto galego, “elevan a nosa gastronomía a un nivel de ouro”.  

 Durante a gala deuse a coñecer o nome do mellor cociñeiro De Tapas por Galicia 2024, elixido entre os sete cociñeiros dos concursos de tapas celebrados o ano pasado nas sete cidades galegas. Tamén se contou coa presenza da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte e as delegadas territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Belén do Campo e Martina Aneiros e o delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo.  

Premio do xurado e popular 

 Entregouse o premio concedido por un xurado profesional e outro popular. Os concursantes foron Álvaro Pérez Blanco de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela) coa tapa Estamos como cabras; Manu Triay de Taberna Triay (A Coruña) con Donete recheo de cocido;Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol) con Recordos da miña nenez.  

 Tamén participaron desde Lugo  Bret Fernández,  de Prebe by Bret, coa tapa Xurel Black Coupage; Gabi Conde, de Restaurante Portovello (Ourense) con A Terma; Kevin Carreño, de Nikko Espacio Gastronómico (Vigo), con Nigiri de crokketa de carabineiro; e Daniel Carramal, de Loaira Xantar (Pontevedra) con trasmallos de neboeiro.  

Dous galardóns 

 Os sete cociñeiros disputaron por dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado profesional, que valorou cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor. Por outra, o premio do xurado popular, que se elixiu mediante un sistema de televotación.   

 Así, o premio do xurado profesional recaeu en Manu Triay, de Taberna Triay (A Coruña) con Donete recheo de cocido; e o premio do público foi para Adrián Pérez, de Sinxelo (Ferrol) con Recordos da miña nenez.   

 A cita enmárcase na estratexia que Turismo de Galicia desenvolve para promover este tipo de turismo cultural e de proximidade, a través da cooperación entre as empresas do sector, as asociacións e as institucións

Ningún comentario:

Publicar un comentario