9 de xul. de 2024

O ROSAL

Fillas de Cassandra, concerto estrela das Festas de Verán do Pilar    

 Durante tres días, do 24 ao 26 de xullo, O Rosal acollerá unha ampla programación de lecer na praza do Calvario 

 

alcaldesa do Rosal - no centro - con representantes de todas as asociacións que participan na organización da Festas do Verán do Pilar, con tres xornadas de lecer, música, deporte, humor, diversión e convivencia
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 O Rosal prepárase para unhas Festas de Verán do Pilar por todo o alto, tres días nos que o lecer, a música, o deporte, o humor, a diversión e a convivencia daranse cita, coa praza do Calvario como escenario. Do 24 ao 26 de xullo, rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar dunha ampla oferta “grazas, como cada ano, á colaboración e implicación de todas as asociacións que participan na organización de tres xornadas cheas de propostas para todos os públicos coas que desfrutar das nosas festas tradicionais”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

Festival Xente Xida

 A programación da festa comezará o mércores 24 de xullo coa sexta edición do tradicional Festival Xente Xida. Nesta ocasión, de 20.00 a 01.00 horas o público poderá achegarse á música tradicional da man da Banda de Gaitas de Paramos, Airiños do Cereixo e Os Terribles de Donas, acompañados sempre polo Trebón dos Xidos e Xente Xida. A xornada completarase con porco o espeto, cantina e comida a prezos populares para que o público asistente desfrute da primeira xornada. 

Encontro dos Pobos e concerto de Fillas de Cassandra coa Agrupación Musical do Rosal

 O xoves 25, ás 16.00 horas comezará o torneo de xadrez que dará paso, xa pola tardiña, a unha nova edición do Encontro dos Pobos, o festival folclórico internacional máis veterano da comarca organizado pola Asociación Do Lusco e Fusco. Xa ás 22.00 horas chegará a quenda do prato forte das Festas de Verán do Pilar: o concerto de Fillas de Cassandra coa Agrupación Musical do Rosal.  

 A Agrupación subirase ao escenario con este dúo musical galego que deleitará ao público con melodías tradicionais e novas letras, inspiradas en cancións de tradición oral con influencias do pop, da música electrónica ou da música clásica. Sobre o escenario, un espectáculo teatral no que o público é partícipe sempre dende un punto de vista actual e no que o piano e a percusión están apoiadas en bases electrónicas. 

 O broche de ouro ás Festas de Verán do Rosal chegará da man dos Netos do Rosal, que encherán de humor e retranca a praza do Calvario a partir das 21.30 horas. Ao remate, o público poderá gozar da actuación de DJ’s.

Ningún comentario:

Publicar un comentario