11 de xul. de 2024

TUI

IV Festival da Cultura Tradicional e Folk

Este sábado, 13 de xullo, a partir das 20 h na praza de san Fernando, celebración do IX Certame de Gaita e Tamboril; unha conferencia - mostra sobre o Traxe Galego, e o concerto de Ardentía

E o domingo, 14 de xullo, ás 19.30 h pasacalles dende o edificio Francisco Sánchez, no IX Día da Muiñeira, de Tui




Infogauda / Tui

 A música e a vestimenta tradicional serán protagonistas esta fin de semana en Tui no IV Festival da Cultura Tradicional e Folk organizado pola Asociación Cultural San Telmo coa colaboración do Concello de Tui. Este é o segundo dos eventos da programación “Tui, verán na rúa”.  

 O programa comezará este sábado, 13 de xullo, a partir das 20 h na praza de san Fernando coa celebración do IX Certame de Gaita e Tamboril no que haberá participantes das catro provincias galegas.  

 Deseguido a praza e o pórtico da catedral acollerán pezas únicas e orixinais da vestimenta tradicional na mostra conferencia sobre o Traxe Galego que ofrecerá o Grupo Etnográfico Traxandaina.  

 A partir das 22.00 h o público poderá disfrutar do concerto do grupo folk Ardentía. Fundado en 1989, nas súas actuacións combinan  música tradicional e cantigas populares transmitindo a súa paixón pola cultura musical galega.  Ardentía conta con cinco traballos discográficos: Adiante, Vintage, Quince anos de viaxe, Retellando e Ardentía, cos que deixaron unha pegada destacada no panorama musical galego. Este sábado en Tui interpretarán os temas máis representativos da súa longa traxectoria.  

Día da Muiñeira

 O programa do IV Festival da Cultura Tradicional e Folk continuará o domingo coa celebración do IX Día da Muiñeira, de Tui. Os once grupos participantes sairán ás 19.30 h dende o edificio Francisco Sánchez para protagonizar un pasacalles até o paseo da Corredoira onde actuará cada un dos grupos de forma individual, haberá entrega de agasallos, e actuación conxunta. Estarán presentes Saragana, de Tui; Flores do Galiñeiro, de Gondomar; Carballo das Cen Polas, de Redondela; Ecos e Agarimos, de Peitieros (Gondomar); O Mosteiro, de Pexegueiro; Peña Xuntanza, de Vigo; Pais de San Roque, de Cangas; Andarela, de Vigo; Troncos aos pés, de Marín; grupo Andaina, de Vigo; e Alfándega, de Tui.  

 Deste xeito pecharase esta destacada cita co folclore en Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario