7 de xul. de 2024

CULTURA

O Gaiás recibe pezas arqueolóxicas únicas chegadas de Suecia, Dinamarca e Francia para inaugurar o venres unha das maiores exposicións sobre cultura viquinga 

‘Unha vida viquinga’ achega unha visión máis rica sobre esta cultura, cuestionando o clixé que os reduce a bárbaros violentos 


A Cidade da Cultura está a recibir estes días ao persoal técnico que acompaña a viaxe de pezas arqueolóxicas únicas prestadas por ata 13 institucións e coleccións cedentes de obra

Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela 

 A Xunta de Galicia inaugurará este venres 12 de xullo unha das maiores exposicións sobre cultura viquinga organizadas en España nas últimas décadas e que se encadra no marco da programación de verán do Goberno galego, o CulturON. A Cidade da Cultura está a recibir estes días ao persoal técnico que acompaña a viaxe de pezas arqueolóxicas únicas prestadas por ata 13 institucións e coleccións cedentes de obra, entre eles museos nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España. 

 Co título Unha vida viquinga, a exposición artella un relato máis rico e diverso sobre esta fascinante cultura escandinava. Así, apoiándose nas investigacións históricas máis recentes, cuestiona estereotipos que rodean este pobo, ampliando a imaxe que os presenta como bárbaros violentos. A través dun enfoque narrativo novidoso, explora aspectos como a participación das mulleres e, non só dos homes, nas campañas guerreiras ou a mestura con pobos de puntos tan dispares como o norte de África ou o sur de Europa, entre outros. 

 A exposición, que o público poderá visitar no Museo Gaiás a partir da tarde do venres 12 de xullo, está comisariada pola doutora Irene García Losquiño, investigadora da Universidade de Santiago e unha das maiores especialistas de España en cultura viquinga. Xunto a ela, o proxecto vén avalado por un comité científico internacional con algunhas das autoridades máis respectadas neste campo, como o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Uppsala, Neil Price; a tamén profesora da Universidade de Uppsala, Charlotte Hendenstierna-Jonson; ou a catedrática de Arqueoloxía Medieval da University of Highlands and Islands, Alexandra Sanmark. 

Viquingos en Galicia 

 Unha vida viquinga achégase tamén ás incursións escandinavas en Galicia entre os séculos IX e XII, afondando no seu impacto na nosa historia e amosando pezas que axudarán a entender como esta civilización se espallou polo continente europeo, e máis alá das súas fronteiras, e deixou tamén a súa pegada en Galicia, en forma vestixios no noso patrimonio material e inmaterial, por exemplo en zonas como a ría de Arousa, a ribeira do Ulla ou a Mariña lucense. 

 Unha vida viquinga poderá visitarse, con entrada libre e de balde, ata xaneiro de 2025 no Museo Centro Gaiás. Precisamente, ata o domingo 4 de agosto coincidirá con outra exposición histórica que esta a ter unha excepcional resposta de público Tesouros reais. Obras mestas do Terra Sancta Museum.

Ningún comentario:

Publicar un comentario