2 de xul. de 2024

A GUARDA

José María Salcidos González, medalla de prata da Cruz Vermella  

Leva máis de 30 anos vinculado a Cruz Vermella e é o actual presidente comarcal do Baixo Miño 

A entrega de medallas tivo lugar o sábado 29 de xuño durante o XXIV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, celebrado en Lugo  


Momento no que José María Salcidos González, actual presidente comarcal de Cruz Vermella no Baixo Miño, recibíu a medalla de prata e o diploma 


Neli Rodríguez / A Guarda

 O voluntariado é un dos piares fundamentais de Cruz Vermella e grazas á súa implicación e compromiso a organización humanitaria pode levar a cabo moitos dos proxectos e actividades que realiza en Galicia. Co obxectivo de poñer en valor o seu labor, a localidade de Lugo acolleu o sábado 29  de xuño o XXIV Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, coa presenza de máis de 260 voluntarios e voluntarias procedentes das asembleas provinciais, comarcais e locais das catro provincias galegas.   

 Tras o saúdo institucional, Cruz Vermella realizou a entrega das sete medallas de prata, o Diploma de  Honra e os diplomas de recoñecemento ó voluntariado desta edición. Unha das medallas de prata foi outorgada a José María Salcidos González, actual presidente comarcal de Cruz Vermella no Baixo Miño. Esta distinción supón unha mostra de agradecemento pola súa longa traxectoria nesta organización; así como pola súa implicación e responsabilidade dende fai máis de 30 anos. Dende o comezo da organización na zona do Baixo Miño, sempre destacou por ser unha persoa moi activa que estivo buscando apoios e colaboracións, sen descoidar o benestar dos seus compañeiros e a sensibilidade cara o seu entorno máis próximo. Foi vocal da Asemblea entre 1985 e 1992 e dende 2000 a 2015. Tamén foi secretario (de 1992 a 1996) e tesoureiro de 1996 ó 2000.  

 Durante o seu discurso de agradecemento quixo destacar, en nome de tódolos premiados, o esforzo colectivo e o traballo en equipo. “Din que individualmente, somos unha gota; pero que xuntos formamos un océano. E niso, precisamente, reside a grandeza da Cruz Vermella. Todos coordinados, realizando pequenas accions en calquera lugar para estar cada vez máis preto das persoas no momento que máis o precisan”, destacou.  

 O Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia é unha cita anual na que se recoñece o compromiso coa acción voluntaria, pero ademais serve para reflexionar sobre o seu papel na sociedade actual.  

Sobre Cruz Vermella 

 Cruz Vermella Española, que celebra este ano o seu 160 aniversario, pertence ao maior movemento humanitario do mundo. Colabora con entidades públicas e privadas para que a axuda e a dignidade cheguen a todas as persoas en calquera lugar, e en todo momento e circunstancia. A súa misión é previr e aliviar o sufrimento humano, protexer a vida e a saúde e facer respectar ás persoas. 

 Os seus máis de 254.000 persoas voluntarias dan resposta en 1.263 municipios, o que permite atender anualmente a máis de 11,8 millóns de persoas. Todo iso co apoio de 1,3  millóns de persoas socias, empresas e alianzas en todos os sectores da sociedade. 

 Cruz Vermella Española continúa coa súa loita contra todas as formas de vulnerabilidade adaptándose e anticipándose aos escenarios de futuro, aberta á poboación xeral, incidindo na contribución firme e consistente aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030. 

 Cruz Vermella Española pertence ao Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella presente en 191 países. Actuando sempre baixo os seus sete Principios Fundamentais: Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Carácter Voluntario, Unidade e Universalidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario