XXV ANIVERSARIO DO MONUMENTO ÁS VÍTIMAS DA REPRESIÓN EN TUI
Helena Pousa
Onte á tarde, na Alameda de Tui conmemorouse os XXV anos da inauguración do monumento en Tui en honra das vítimas da represión do 36, un monumento que se inaugurou o 27 de xuño de 1999 a proposta da asociación de cidadáns denominada Comisión “Pola verdade do 36”, da que formaba parte Mario Rodríguez, de Figueiró, fillo de Paquiño, asasinado en Mondariz xunto con outros 5 máis.
A este acto homenaxe asistiu numeroso público de distintos lugares de Galiza, especialmente da zona do Baixo Miño, entre os que se encontraban moitos familiares de persoas represaliadas, representantes dos concellos e asociacións memorialísticas como Levada libre e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa de Sestás.
O acto presentado por Ramón Fernández Leal e Sabela Treinta, comezou coa intervención do escultor Silverio Rivas, quen explicou como ideou a súa obra escultórica a partir das historias que oíra moi novo no taller de costura da súa nai sobre as vítimas da represión paseadas en Ponteareas, aos que chamaban “rojos”. E así concibiu unha obra con dous elementos. O primeiro representa unha casa, a casa da que sacaron a moitas persoas para seren encarceradas, fusiladas, paseadas ou torturadas; a casa que moitos tiveron que abandonar para buscar refuxio no exilio. E o segundo elemento é unha figura antorpomorfa, que emerxe desa casa. Con esta figura quixo representar todas esas persoas violentamente arrincadas do seu fogar, e a tristura e indefensión sufridas polas vítimas e as súas familias. E escolleu para esta obra un granito de Zamora de cor vermella porque quería que tivese a cor semellante á que usaban para calificar aos fieis á República.
A continuación falou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que lembrou a importancia e necesidade de facer actos coma este e como ten o proxecto de sinalizar no concello de Tui varios Lugares da Memoria, un deles será a propia Alameda, por ser un lugar de fusilamento de moitas persoas fieis á República de toda a contorna.
Neste acto tamén interviñeron co recitado dos seus textos Cristal Méndez, Cecilia Rimbaud, Marga do Val, María Reimóndez, Pepe Cáccamo e Francisco Álvarez Koki. Tamén se leu un texto enviado por J. Viale Moutinho que non puido asistir ao acto.
O acto contou coa excepcional actuación musical de Samuel Diz, quen interpretou, cunha guitarra copia da usada por Federico García Lorca, varias pezas de músicos exiliados que mantiveron viva a súa actividade artística alén mar. E recordou como en Tui os fascistas requisaran o piano a unha muller familiar de Ulpiano Piña, farmacéutico represaliado, que era unha magnífica pianista. Entre outras pezas tocou unha bastante significativa titulada “Balada do cárcere”, composta por un preso.
O acto rematou coa intervención de Helena Pousa, presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, unha asociación que intrega a persoas das diferentes comarcas que tentarán seguir traballando con determinación e constancia na busca da verdade para facer xustiza e reparación, e con homenaxes ás vítimas da guerra, do franquismo e da transición.
O acto pechou cunha ofrenda floral ao pé do monumento na que participaron moitos familiares de vítimas mortais nos diferentes concellos que compoñen o Partido Xudicial de Tui. Entre os familiares da ofrenda estiveron Darina Domínguez e Pablo Noya que levaron unhas flores en nome das súas familias duramente represaliadas na Guarda. Tamén estiveron familiares de Forcadela do carabineiro Laureano Dóniz, fusilado en Tui o 16 de setembro do 36, xunto con 14 máis por defenderen a II República, e Manuel Fernández en representación dos seus avós, asasinados en Tui. O acto rematou co himno galego interpretado por Nadia Vázquez Martínez.
A exposición “A nosa memoria silenciada”, inaugurada o 14 de xuño, no Edificio Francisco Sánchez, permanecerá aberta ata o día 12 de xullo, en horario de 11:00 a 13:00 h.
Ningún comentario:
Publicar un comentario