4 de xuño de 2024

TUI

Román Rodríguez aposta polo traballo colectivo e a igualdade de oportunidades no ensino para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible 

O conselleiro de Educación participa na inauguración da IV edición do Congreso Educativo, EducODS 2030, organizado polo Colexio CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui


O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da IV edición do Congreso Educativo EducODS 2030
Foto: X.G.

Infogauda / Tui

 O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da IV edición do Congreso Educativo EducODS 2030, unha cita que organiza o Colexio CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui arredor dos obxectivos de desenvolvemento sostible da axenda 2030.  Este evento, que conta coa participación dunha vintena de centros educativos da provincia de Pontevedra e de dous de Valença do Minho (Portugal), é unha chamada á colaboración plural, ampla e diversa con obxectivos comúns que benefician a todos por igual”, afirmou Román Rodríguez durante a inauguración. “Encontros coma este, no que os equipos docentes e o alumnado son protagonistas, son clave para reflexionar sobre os retos e necesidades do presente e do futuro”, engadiu.  

 No que atinxe ao eido da educación, o representante da Xunta comprometeuse a seguir traballando para “ofrecer as mellores ferramentas e recursos posibles” para acadar a igualdade de oportunidades. “Isto supón universalizar a experiencia educativa de xeito que ningún alumno, independentemente da súa condición, quede sen recibir a formación necesaria para ser parte do desenvolvemento social”, subliñou o conselleiro, quen remarcou a importancia de ofrecer un modelo educativo que sitúe “a inclusión e a calidade da atención no centro da programación”, así como “entender que a diversidade é a nosa maior fortaleza”.  

 Esta cita, que se prolongará ata o 7 de xuño, conta cunha feira na que os centros educativos participantes comparten ao longo dos catro días as súas experiencias educativas e competencias sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible. Unha iniciativa que involucra á comunidade escolar e que, como dixo Román Rodríguez, “é responsabilidade de todos, pois todos debemos asumir os obxectivos de desenvolvemento sostible polo benestar colectivo de toda a mocidade”.  

Centros participantes 

 Os centros educativos que participan nesta IV edición do Congreso Educativo, EducODS 2030 son os colexios CEIP Pazos de Reis (Pontevedra), CEIP Plurilingüe Nº 2 (Tui), CEIP Coutada Beade (Vigo), CEIP Martínez Alonso (Pontevedra), CEIP Plurilingüe da Ribeira (O Porriño), CEIP Balaídos (Vigo), CEIP Pintor Antonio Fernández (Tomiño), CEIP Plurilingüe Nº 1 (Tui), CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán (Tomiño), CPR Santa María – Maristas (Tui), CPR Plurilingüe Monterrey (Vigo), Seminario Menor de Tui, Centro de Educación Especial CEE de Panxón (Nigrán) e o Colexio Rural Agrupado CRA Mestra Clara Torres (Tui); os institutos IES San Paio (Tui), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) e IES Valadares (Vigo); a Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual - Aceesca (Pontevedra) e a Escola da Banda de Música Popular de Tui.  

 Ademais, os participantes neste encontro poderán asistir hoxe a un contacontos sobre a igualdade, a unha mesa redonda sobre o camiño para facer de Tui unha vila accesible e ao concerto da Banda de Música Xuvenil de Tui.  

 Xa mañá, mércores, inaugurarase a xornada educativa inclusiva na que varios expertos exporán ante os asistentes os seus estudos e traballos. Betina Represas falará sobre o papel da comunicación para crear vínculos sans; José Ramón Lago e Carmen Vaz porán en común a súa visión sobre a aprendizaxe cooperativa como recurso para a inclusión, e Raúl Bermejo centrarase na importancia do desenvolvemento da creatividade na infancia.  

 O xoves, o alumnado dos centros educativos de Tui dará forma a un show científico, ademais de participar nunha mesa redonda coa mestra Sara Luque sobre claves para mellorar a xestión de residuos no concello. A xornada rematará co concerto do Coro de Pazos de Reis e, finalmente, o venres celebrarase un encontro de carrilanas e clausurarase esta edición do programa ao ritmo dunha batucada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario