4 de xuño de 2024

PONTEVEDRA

Operativo electoral na provincia 

Abel Losada supervisa o dispositivo da Subdelegación do Goberno para as Eleccións Europeas do próximo domingo 

• Están chamadas a votar 915.122 persoas, das que 42.570 farano por primeira vez nunhas Europeas 

• Pontevedra contará con 1.347 mesas distribuídas en 660 locais electorais e que estarán atendidas por 4.041 persoas 

• Case 2.500 axentes entre Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local garantirán a seguridade 

• Un cento de traballadores/as da Administración do Estado ocúpanse da preparación e supervisión das Eleccións


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, está a supervisar a planificación loxística que leva a cabo a Subdelegación do Goberno
Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, está a supervisar a planificación loxística que leva a cabo a Subdelegación do Goberno para garantir o correcto desenvolvemento das Eleccións ao Parlamento Europeo do próximo 9 de xuño. Nestes días, visitou o dispositivo de preparación de todo o material electoral que se remitirá ás 1.347 mesas electorais que se constituirán o próximo domingo. No operativo procedeuse á preparación e “ensobrado” de todo o material que recibirán os membros das mesas o día dos comicios: actas, sobres, kits de material de oficina e trípticos da accesibilidade, para garantir o correcto exercicio do dereito ao voto de todas as persoas. Así mesmo, na Subdelegación celebrouse un simulacro da xornada electoral. Este exercicio práctico simulou toda a operativa de recepción de datos do escrutinio.

 Nos últimos días, desde a Subdelegación distribuíronse tamén os máis de 18 millóns de papeletas que se repartirán entre todas as mesas electorais da provincia e se porán a disposición de Correos e da Delegación do Instituto Nacional de Estatística de cara ao seu envío ao estranxeiro para garantir o voto CERA.

 O subdelegado lembrou que a Administración Xeral do Estado ten asignadas dúas funcións principais neste proceso electoral. Por unha banda, prestar o soporte loxístico necesario para o exercicio do voto, incluída a seguridade de todo o proceso e, por outra, transmitir os datos de participación e escrutinio o mesmo día das Eleccións. 

 O subdelegado quixo ademais agradecer o labor dos 96 empregados e empregadas da Subdelegación que traballan para garantir o correcto desenvolvemento destes comicios.

O dispositivo electoral en cifras 

 Un total de 915.122 cidadáns e cidadás da provincia teñen dereito ao voto, dos que 42.570 farano por primeira nunhas Eleccións Europeas por ter alcanzado a maioría de idade dende a última convocatoria. No colectivo hai 2.643 persoas cidadás da Unión Europea residentes na provincia e, pola contra, 139.200 representan a pontevedreses e pontevedresas que viven fóra das fronteiras españolas. Estas últimas recibirán no seu domicilio a documentación necesaria para depositar o voto, ben nos locais habilitados nos países de destino ou ben por correo certificado.

 Estas Eleccións decidirán un total de 720 eurodeputados/as, dos que España elixe 61. Nas Eleccións ao Parlamento Europeo existe unha única circunscrición a nivel nacional, a diferencia das autonómicas ou xerais, nas que as provincias son as que marcan as divisións territoriais. Deste xeito, existe tan só unha lista única de candidatos para toda España. 

 En canto á loxística, o delegado do Goberno destacou que Pontevedra contará con 1.347 mesas distribuídas en 660 locais electorais. Haberá dispoñibles preto de 2.500 urnas e 1.000 cabinas para elixir as papeletas. 

 Estas mesas estarán atendidas por 4.041 membros de mesa, aínda que están convocadas máis de 12.123 persoas, entre titulares e suplentes. O domingo, 730 representantes da Administración encargaranse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver incidencias e recoller os datos de participación e do reconto de voto. Ademais, durante a xornada electoral, na sede da Subdelegación haberá persoal habilitado para solucionar calquera incidencia que poida xurdir cos representantes, a constitución das mesas ou o material, en colaboración coas Xuntas Electorais.

Operativo de seguridade 

 Abel Losada destacou o importante despregamento de efectivos de seguridade para garantir o exercicio libre do dereito ao voto. Este persoal situarase nos centros de votación, nos seus accesos e demais puntos de interese da xornada. A previsión apunta a que 2.490 efectivos de seguridade, entre Policía Nacional (877), Garda Civil (1.180) e Policías Locais (433), integrarán este dispositivo. 

 O subdelegado agradeceu a todos estes profesionais, garantes da seguridade pública, o seu esforzo e traballo, do mesmo xeito que tamén tivo palabras de gratitude para todas as persoas voluntarias da Administración e a cidadanía que formará parte das mesas de votación, encargados de que a xornada electoral avance con normalidade e que o dereito ao voto estea garantido.

Novidades de ′Mi Carpeta Ciudana′  

 ′Mi Carpeta Ciudana′, o servizo ofrecido polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, ten dispoñible unha nova versión oficial para dispositivos iOS  e Android  así como a través da súa web, que permite consultar información relacionada co proceso electoral. Entre a información dispoñible atópase os datos do colexio electoral, mesa, sección, etcétera, nos que se poderá exercer o dereito a voto; é dicir, o que se recibe na tarxeta censual impresa. Así, calquera cidadán poderá consultar esta información a través da aplicación se perdese ou esquecese a tarxeta censual. Esta actuación fíxose de acordo coa Xunta Electoral Central e foi posible grazas á colaboración da Oficina do Censo Electoral do Instituto Nacional de Estatística, que actúa como provedora dos datos.  

 Esta nova funcionalidade estará dispoñible en diante para as futuras citas electorais. Ademais, de forma estable no tempo, tamén se ofrecerá a información do censo continuo que se pecha cada mes, haxa previstas ou non convocatorias de eleccións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario