3 de xuño de 2024

OIA

O Plan Marco da Xunta deixou preto de 260.000 euros nas zonas rurais do Baixo Miño 

O concello de Oia mellorou o camiño de Pedornes grazas a unha achega de máis de 52.000 euros do Plan Marco


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello da Oia, acompañado pola alcaldesa Cristina Correa
Foto: X.G.

Infogauda / Oia

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello da Oia, onde a Consellería do Medio Rural investiu máis de 52.000 euros na mellora do camiño de Perdornes, o 86% do total da obra, sendo que o restante foi asumido polo concello. Unha actuación enmarcada dentro do Plan Marco 2023-2024 que mellorará a accesibilidade e a seguridade dos veciños da zona.  

 Acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o delegado territorial aproveitou a visita para destacar o traballo levado a cabo pola Xunta en colaboración cos concellos para a mellora das súas vías e camiños, unha colaboración que considera “imprescindible para coñecer as necesidades reais e os retos das zonas máis rurais, o que nos permite buscar a solución máis adecuada”.  

 Cabe destacar que o Plan Marco 2023-2024 deixou na comarca do Baixo Miño preto de 260.000 euros repartidos por cinco concellos. Entre eles, ademais do concello de Oia, atópase A Guarda, que recibiu unha achega de case 40.000 euros para a renovación do pavimento do camiño de Salgueiró, en Camposancos. No caso do Rosal, a achega foi de preto de 44.000 euros e foi utilizada para mellorar o camiño do Outeiro, en Tabagón. No concello de Tomiño este Plan Marco permitiu mellorar os camiños municipais na Ponteciña, grazas a unha achega de máis de 67.000 euros. Por último, en Tui a achega de 57.000 euros serviu para mellorar a capa de rodadura no lugar da Gándara-Guillarei.  

 Na provincia de Pontevedra, o importe total desta liña de axudas alcanza os 3,2 millóns de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario