3 de xuño de 2024

DEPORTES

 PIRAGÜISMO

OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA, NA COPA DO MUNDO DE AUGSBURG 


Luís Fernández e Manuel Ochoa

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera 

 Ao longo desta semana disputouse en Augsburg, Alemaña, a 1ª Copa do Mundo de Slálom na que se deron cita os mellores deportistas do mundo de canoa, caiac e caiac cross. A Federación Española enviou ao evento o equipo B, onde acadaron praza Luís Fernández en C1 e Manuel Ochoa en K1 e Caiac Cross.       

 Empezaron moi ben as cousas para Manu Ochoa na mañá do xoves. Na primeira manga clasificatoria fixo unha gran baixada, rematando décimo quinto e acadou pase directo a semifinais. O venres, en semifinais, fixo un bo percorrido, comezando moi rápido pero foi baixando o ritmo, quedando lonxe da final. Rematou a proba vixésimo oitavo.      

 Luís Fernández non conseguiu superar as clasificatorias de C1. Na primeira ronda, dúas penalizacións por toques, deixárono a menos dun segundo de conseguilo, e, na segunda, intentando apurar ao máximo, pasou unha das portas moi axustado, sendo penalizado con 50 segundos, quedando lonxe do tempo das semifinais. Rematou a proba no posto cincuenta e un.       

 O domingo, Ochoa competiu en caiac cross. Esta proba comeza coa contra reloxo para acadar posto nos enfrontamentos. A pesar de ser un especialista nesta modalidade, un erro ao tomar unha porta de remonte, fixérono perder segundos quedando fóra dos enfrontamentos. Rematou trixésimo sexto.      

 Tres foron os galegos que superaron os selectivos para estar no equipo nacional. Xunto cos dous deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, estivo Ainhoa Lameiro do Piragüismo Penedo, que quedou as portas de semifinais, a décimas de segundo de conseguilo, rematando trixésimo sétima.       

 A próxima cita internacional de Manuel Ochoa será nunha semana en Praga, como parte do equipo español de caiac cross, onde loitará por acadar unha das tres prazas olímpicas que se disputan. Para Luís será en setembro en Ivrea, na penúltima Copa do Mundo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario