3 de xuño de 2024

TUI

A XUNTA DE GALICIA RENOVA O APOIO AO ENCONTRO MUMI NA EUROCIDADE TUI-VALENÇA PARA O INTERCAMBIO ENTRE AS INDUSTRIAS MUSICAIS DE GALICIA E PORTUGAL 

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude repite como principal entidade colaboradora deste evento profesional, cunha achega de 25.000 euros para a edición que se desenvolverá do 12 ao 15 de setembro 

O Consello aproba o convenio entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Asociación Cultural Músicas do Minho 




Infogauda / Tui

 O Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Asociación Cultural Músicas do Minho, a través do que se materializará unha achega de 25.000 euros por parte do Goberno galego para o desenvolvemento da quinta edición do MUMI, Encontro Profesional de Música de Galicia e Portugal do 12 ao 15 de setembro na eurocidade Tui-Valença. 

 A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén así o seu compromiso coa organización deste encontro, eminentemente profesional, do que é a principal entidade colaboradora. O obxectivo é contribuír a un mellor coñecemento e maior intercambio entre as industrias musicais de ambos os territorios. 

 A programación desta edición volverá combinar a súa dobre vertente de feira profesional coa oferta musical para o público xeral. No primeiro caso, búscase propiciar o encontro entre os artistas e os seus axentes con xestores culturais e responsables de empresas promotoras e espazos programadores a través de roldas de negocio, reunións personalizadas, mesas redondas ou actividades formativas. 

 Ao tempo, a súa programación de concertos ábrese ao público xeral para lle brindar a oportunidade de gozar de bandas e solistas de Galicia e de Portugal, contribuíndo así a incrementar unha carteleira conxunta de ocio cultural. 

 Esta iniciativa naceu en 2020 no marco do programa O teu Xacobeo e, pese aos atrancos que tivo que enfrontar durante a pandemia, tense consolidado xa un espazo común no marco da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para o impulso da conexión cultural de profesionais e públicos. 

 Na edición de 2023 foron máis de 200 os profesionais do sector musical acreditados, coa concorrencia de medio centenar de responsables da programación cultural de concellos, festivais, axencias de contratación e salas. En canto ao cartel de concertos, leváronse a cabo 18 actuacións, gran parte delas en formato escaparate e abertas ao público.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario