11 de xuño de 2024

O ROSAL

O Rosal achega á veciñanza a recollida separada de residuos especiais  

• O Concello instalou dous minipuntos limpos na Praza do Calvario e no parque de Pías 

• Permitirá a recollida de CD/DVD, material escolar, aparellos eléctricos e electrónicos, cápsulas de café, acumuladores e pilas, cartuchos de impresora e lámpadas de baixo consumo  

 

Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, xunto o minipunto limpo instalado na Praza do Calvario
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal   

 O Concello dá un novo paso para facer do Rosal un municipio máis verde e sostible coa instalación de dous minipuntos limpos que facilitarán á veciñanza a recollida selectiva de residuos especiais. Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “esta iniciativa supón unha nova ferramenta de proximidade que favorecerá a correcta separación e eliminación de residuos perigosos que xeramos nos nosos fogares dun xeito máis doado e cómodo, contribuíndo a un futuro máis limpo e respectuoso co medio ambiente”. 

 Estes pequenos puntos de recollida están xa situados na Praza do Calvario, centro neurálxico do Rosal, e no parque de Pías, lugar lúdico de esparexemento da veciñanza. Estes colectores permiten recoller residuos de pequeno tamaño que non poden ser depositados nos colectores convencionais, como CDs e DVDs, material escolar, pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, cápsulas de café, pilas e acumuladores, cartuchos de impresora e lámpadas de baixo consumo.  

 Coa posta en marcha desta iniciativa foméntase a proximidade das instalacións de residuos especiais á veciñanza, achegando o punto de recollida o máis próximo posible aos fogares rosaleiros, eliminando a barreira que en moitas ocasións supón a distancia aos puntos de reciclaxe.  

 Deste xeito, mellorarase a xestión de residuos de pequeno tamaño de orixe domiciliario altamente contaminantes que habitualmente non son xestionados de forma axeitada, “incrementando a reciclaxe, reducindo o volume de residuos a tratar no vertedoiro, impulsando o consumo responsable e a economía circular, fomentando a concienciación cidadá e contribuíndo a mitigar o cambio climático a través da correcta xestión de residuos”.   

 A implantación destes dous minipuntos limpos supuxo un investimento de case 8.500 euros financiados ao 90% pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e con fondos propios do Concello. Con esta iniciativa, o Goberno municipal segue avanzando cara a un modelo de xestión de residuos máis sostible e eficiente, promovendo a reutilización e reciclaxe de materiais e contribuíndo á preservación da contorna natural e do medio ambiente.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario