15 de out. de 2025

A GUARDA

A Consellería do Mar e o Concello da Guarda amplían as zonas habilitadas para a pesca recreativa nos peiraos do municipio 

 Marta Villaverde recibiu ao alcalde guardés para afondar na colaboración entre ambas administracións para actuacións como a posta en valor do peirao norte e a iluminación do dique


A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo este mércores un encontro de traballo co alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e co tenente de alcalde Óscar Alonso Álvarez
Foto: X.G.

Infogauda / A Guarda

 A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo este mércores un encontro de traballo co alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, para afondar en proxectos marítimo portuarios para o municipio. Entre estes destaca o convenio asinado polo Concello e Portos de Galicia que permite ampliar as zonas habilitadas para a pesca recreativa nos peiraos do municipio.  

 En virtude deste acordo, o Concello faise cargo da vixilancia e control desta actividade de ocio veciñal nos peiraos de titularidade autonómica nos horarios e zonas sinaladas en azul que se recollen nos planos dispoñibles na páxina web de Portos de Galicia, a través da ligazón https://portosdegalicia.gal/es/pesca-recreativa-portos 

 A través deste acordo, que xa asinaron tamén outros municipios como Ribeira, Malpica, Cervo, Porto do Son, A Laracha, Baiona ou Muros, formalízase o compromiso de abrir máis zonas á actividade mediante a colaboración institucional e minimizando riscos ao igual que se fai noutras actividades de ocio efectuadas en solo portuario.  

 Ademais, durante o encontro, a conselleira do Mar e o alcalde da Guarda revisaron outras actuacións e avanzaron nas fórmulas de colaboración entre a administración autonómica e a local para desenvolver outras actuacións en beneficio non só do sector do mar senón tamén do conxunto da cidadanía. É o caso das autorizacións que a Xunta vén de conveniar co Concello para a posta en valor do peirao norte, na que o Concello investirá 270.000 euros e a iluminación artística do dique norte - contradique de Punta Xenete -, á que a administración local destinará 117.000 euros.  

 Así mesmo, durante o encontro, abordouse tamén a evolución do transporte de pasaxeiros no peirao da Pasaxe (Camposancos), que recibe diariamente unha alta afluencia de visitantes, fundamentalmente peregrinos do Camiño Portugués pola Costa. Finalmente, analizáronse tamén as axudas concedidas ao sector marítimo-pesqueiro ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo, de  Pesca e de Acuicultura (Fempa). Nos últimos dous anos, estas achegas superaron os 600.000 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario