O CONCELLO DA GUARDA PRESENTA OS ORZAMENTOS DO 2025 A DOUS MESES DE QUE REMATE O ANO
Anxo Baz (BNG): “A falta de previsión, planificación e traballo do goberno de Roberto Carrero lévaos a cometer disparates deste calibre”.
Infogauda / A Guarda
Por resolución da alcaldía, en data 14 deste mes de outubro, a secretaria do Concello de A Guarda, Julia María Carrasco González-Alegre, deu a coñecer á convocatoria - disposta polo alcalde Roberto José Álvarez Carrero -, dunha sesión plenaria extraordinaria, a celebrar o vindeiro día 17 de outubro, ás 8:30 horas, na Casa do Concello.
A orde do día, do devandito pleno conta cun único punto:
Expediente 1746/2025. PROPOSTA ALCALDÍA APROBACIÓN INICIAL ORZAMENTO 2025.
“O Concello da Guarda leva a debate ao pleno o próximo venres 17 de outubro os orzamentos para o ano 2025. Os orzamentos son a guía económica pola que se ten que rexer unha administración durante un período de tempo, neste caso un ano. Despois do tempo de exposición e alegacións que marca a lei quedará como moito un mes no que estes orzamentos estean en vigor”. Esa é, a primeira valoración crítica que o portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz Vicente, vén de efectuar.
Asemade, Anxo Lois Baz manifestou: “un goberno serio e minimamente capacitado tería que estar traballando nos orzamentos do 2026 para poder levalos a pleno en tempo e forma e ter as contas ao día para poñer en marcha os proxectos que se deben desenvolver na Guarda o próximo ano. Esta é unha mostra clara de que estamos diante dun goberno incapaz, sen proxecto de ningún tipo, que cando tiña que estar pensando en aprobar os orzamentos do 2026, leva a pleno os do 2025. Estamos diante do goberno máis desastroso dos que se recordan na Guarda”.
O nacionalista continuou argumentando “a falta de previsión, planificación e traballo de Roberto Carrero está provocando danos inmensos ao noso concello. Está a piques de perder unha subvención dun millón e medio de euros para a reforma integral da piscina, perdeu unha subvención de máis de 60.000 euros para o club de remo, el e o seu equipo proxectaron un novo punto limpo en terreos do Concello do Rosal que loxicamente tiveron que paralizar, e agora presentan uns orzamentos para o ano 2025 cando remata o ano”.
Baz, acabou concluíndo “o goberno de Roberto Carrero é un lastre para a Guarda. Carecen de proxectos, de criterio, e de gana de traballar. Viven da improvisación e están provocando un retroceso na Guarda que resulta moi preocupante”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario