BALONMÁN DHF
O Mecalia Atlético Guardés refórzase co talento de Elena Martínez
A xogadora valenciana provén do Lobas Global Atac Oviedo
Foi a quinta máxima anotadora na fase regular da liga 2023/24
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés decidiu apostar polo talento de Elena Martínez, que se incorpora ao proxecto do club do Baixo Miño para a próxima tempada. A lateral valenciana, de 23 anos, procede do Lobas Global Atac Oviedo.
Elena Martínez comezou a súa traxectoria deportiva no Mislata, ata que en 2020 fichou polo Salud Tenerife e debutou na máxima categoría do balonmán nacional. No ano da súa estrea, a valenciana logrou sumar 106 dianas e, na seguinte campaña, anotou 68 antes do parón do Nadal, situándose como máxima goleadora da liga. Nese parón asinou polo Elxe, club para o que xogaría un ano e medio, e no que participou en competicións europeas ata en dúas ocasións, alcanzando nunha delas as semifinais da EHF European Cup.
No recente curso, Elena Martínez asinou polo Lobas Global Atac Oviedo e consolidouse como unha peza crave do equipo asturiano. A lateral esquerdo finalizou a fase regular da liga Guerreiras Iberdrola anotando 102 tantos, converténdose na quinta máxima goleadora da liga regular. Ademais, a valenciana conta con experiencia internacional, xogando nas categorías promesas, júnior e xuvenil da selección española.
Elena Martínez mide 1,81 m, ten táboas na máxima categoría e demostrou, ao longo da súa traxectoria, a súa gran habilidade ofensiva e defensiva. O Mecalia Atlético Guardés asegúrase así unha xogadora de moitos quilates para a próxima tempada.
Elena Martínez: “Estou moi contenta e ilusionada pola miña fichaxe”
Elena Martínez móstrase moi feliz por chegar á Guarda: “Estou moi contenta e moi ilusionada pola miña fichaxe”. Para ela, xogar na Sangriña “é unha pasada” e revela que ten “moitas ganas de empezar”. En canto aos obxectivos, a valenciana asegura que, a nivel individual, tratará de “achegar o máximo posible ao equipo tanto en defensa como en ataque” e, a nivel colectivo, a súa meta é “conseguir quedar o máis alto posible na clasificación e mesmo poder entrar a Europa”.
Elena Martínez márcase unhas “expectativas moi altas” para esta nova tempada e prevé un ano “moi bo e moi bonito”. Así mesmo, engade o equipo é moi completo e competitivo, e que ten capacidade para “loitar por estar o máis arriba posible”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario