FÚTBOL
1ª Autonómica Grupo 6
O SPORTING GUARDÉS RECIBIRÁ A UDC VILABOA
• Este domingo, día 12 de outubro, ás 17:00 horas, no estadio municipal A Sangriña
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Logo da derrota (2-1), na xornada 5, en Angoares (Ponteareas), feudo do Vila do Corpus; o Sporting Guardés recibirá este domingo, día 12 de outubro, ás 17:00 horas, ao Unión Deportiva Cobres (U.D.C.) Vilaboa.
O equipo visitante, situado a día de hoxe, na 3ª posición da táboa clasificatoria, leva gañado catro encontros e perdeu un, o que lle permitiu acadar un total de 12 puntos.
No 5º posto da devandita táboa, atópase o conxunto de A Guarda, con 10 puntos, logrados en tres vitorias e un empate, habendo perdido - como antes indicamos - o encontro do pasado domingo.
Dese xeito, o partido desta xornada preséntase con todos os alicientes para que as respectivas afeccións gocen dunha grata tarde, tanto a nivel climatolóxico, como deportivo.
O equipo que adestra Antonio Rodríguez (Toñete) deberá sair ao sintético da Sangriña coa mellor disposición para procurar que os tres puntos en xogo queden anotados na contabilidade do Sporting Guardés. A motivación e o esforzo deben ser as consignas para ir pola senda da vitoria, e de lograla, afianzarse nos postos tranquilos da clasificación para alicerzar a traxectoria desta tempada, que como quen dí, vén de comezar.
Con todo, non hai que confiarse, porque os xogadores da UDC Vilaboa van vir a por todas, espoleados pola derrota (0-3), do pasado domingo fronte ao Tomiño F.C., que tivo que saberlles moi acre, especialmente aos seus seareiros.
Vai ser, en definitiva, unha tarde na que deportivamente falando, todo pode acontecer. Razón pola cal, os afeccionados do Sporting Guardés deben animar ao equipo de A Guarda para que os xogadores síntanse totalmente arroupados e motivados, porque os que corren polo terreo de xogo senten - e tanto - se hai, ou non, apoio nas bancadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario