A Deputación de Pontevedra avanza en Bruxelas no lanzamento do proxecto Awaves, dotado con 1,7M€ para a conservación e valorización do patrimonio marítimo material e inmaterial
• O deputado provincial Javier Tourís reuniuse na capital de Bélxica para impulsar este proxecto que coordina a Deputación e que está a impulsar xunto con outros organismos de España, Francia, Irlanda e Portugal
Foto: D.PO.
Infogauda / Bruxelas
A Deputación de Pontevedra avanza en Bruxelas no lanzamento do proxecto Awaves, Atlantic Waves for Advancing Visionary, Equitable and Sustainable Tourism and Heritage, dotado con 1,7 M€ para reforzar os vínculos interxeracionais nas comunidades locais costeiras do Espazo Atlántico mediante a conservación e valorización do patrimonio marítimo material e inmaterial. O deputado Javier Tourís reuniuse na capital de Bélxica para avanzar neste proxecto do que o organismo provincial é coordinador e ten conseguido financiamento de máis de 1,3 M€ do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2021-2027.
A Deputación de Pontevedra vai impulsar Awaves xunto con outras entidades de España, Francia, Irlanda e Portugal. Neste eido, o deputado subliñou a “enorme utilidade” da xuntanza en Bruxelas que serviu para “escoitar aos diferentes axentes implicados neste proxecto que terá vixencia ata maio de 2028 e comezará a executarse en novembro deste mesmo ano”. En liñas xerais, tal e como explicou Tourís, o proxecto permitirá realizar un mapeado do patrimonio atlántico, que contempla desde unha cartografía colaborativa, ata un muro virtual interactivo e unha plataforma dixital; organizar encontros vivos que suporán a creación de nodos culturais, roteiros sensoriais do Atlántico e intercambio de saberes; e cuestións relacionadas coa innovación navegable como escolas itinerantes, xornadas para deseñar aplicacións e estratexias de valorización do patrimonio ou a creación dun podcast interxeracional.
O deputado, que en Bruxelas estivo acompañado da directora de Fondos Europeos, Susana Fernández, e o xefe de servizo de Cooperación, Marcos Areán, remarcou que o organismo provincial é coordinador de Awaves e que neste proxecto europeo participan outras entidades de España (Universidade de Vigo), así como de Francia (Association Corlab Plus-Radio Boa, Bretagne Cultura Diversité/Sevenadutioù), Irlanda (European Regions Network for the Application of Communications Technology ERNACT) e Portugal (Associacao VVG/ZGDV-Centro de Computação Gráfica, o Municipio de Viana do Castelo, Agência para o Desenvolvimento da Cultura nos Açores). Son tamén socios desta iniciativa a Axencia Turismo de Galicia e a Asociación Arousa Moza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario