27 de abr. de 2024

TUI

O PP DE TUI ANUNCIA A PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS CONTRA A SUBA DO IBI E OPORASE A TODO INCREMENTO DE IMPOSTOS ATA QUE NON HAXA UN PLAN ECONÓMICO NO CONCELLO 

• O voceiro municipal, Nico Montes, lamenta o “incremento constante de impostos” do goberno socialista aos tudenses, pola súa falta de previsión. 

• Os populares cren que se debía centrar o traballo en reducir a morosidade nos pagos do IBI, así como regularizar as vivendas que aínda non o pagan. 


Grupo municipal do PP de Tui


Infogauda / Tui

 O grupo municipal do PP de Tui anuncia que se presentarán alegacións contra a suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que foi aprobada no pleno do pasado 1 de abril cos votos do goberno do PSdeG-PSOE e do BNG, o que repercutirá directamente na cidadanía ó incrementarse case nun 20% o importe do recibo deste imposto. 

 O voceiro municipal do PP, Nico Montes, reiterou que a súa formación opoñerase a calquera incremento fiscal que propoña o executivo de Enrique Cabaleiro ata que non se elabore un plan económico e se aproben uns orzamentos, “porque non podemos seguir nunha dinámica de absoluta improvisación cando hai que afrontar os pagos xerados pola mala xestión económica do equipo de goberno, que se caracteriza por un gasto corrente desorbitado sen que se encaren os problemas reais da cidade”. 

 Os populares, que van perfilar nestas datas o contido das alegacións, xa teñen deseñada a súa liña central, xa que cren que, no caso do IBI de urbana, o Concello debía centrar o seu traballo en reducir a morosidade existente no pago por parte dos actuais contribuíntes en vez de subir o imposto e, paralelamente, no establecemento e aprobación de rebaixas e bonificacións deste tributo para axudar ás familias e ás PEMES (Pequenas e medianas empresas). 

 Nico Montes engadiu que a presentación de alegacións orientarase exclusivamente “para por un pouco de sentido a esta situación e evitar que o goberno local continúe por uns derroteiros, que de seguir así, poden levar ao noso concello a unha situación de quebra técnica”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario