8 de abr. de 2024

MEMORIA HISTÓRICA

ACTOS DA COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DO BAIXO MIÑO, O CONDADO E A LOURIÑA NO MES DE ABRIL 




Helena Pousa Ortega / O Baixo Miño

 A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña  organizou unha serie de actos para o mes de abril, con motivo do Día da República. O primeiro deles será o sábado 13, en Monção. A Comisión quere renderlle unha homenaxe a Amparo Alvajar, unha muller galega que viviu os seus últimos anos de exilio en Moreiras (Monção) onde hoxe está soterrada. Foi escritora, tradutora e directora teatral. Colaborou con  Santiago Casares Quiroga, en Madrid, en 1936, e con outros republicanos como Carlos Splá. Estivo un tempo como tradutora na ONU, en Nova York, e despois de redactora para o Correo da Unesco en París. Esta muller leal á República pasou parte da súa vida exiliada, primeiro en México e logo noutros lugares. Na súa xubilación decidiu retirarse a Monção (Portugal). O acto na súa homenaxe realizarase no cemiterio de Moreiras, ás 12:00  (11:00 portuguesas), e falarán Antón Lorenzo e Aurora Marco. A Comisión desta vez traspasará a raia das comarcas en que normalmente actúa e plantará unha oliveira ao pé da campa, no cemiterio que acolleu a Amparo Alvajar, ao igual ca noutros Lugares da Memoria. 

 No día 14, domingo, organiza un “xantar republicano” no Copo sen Fundo, de Goián. Neste acto, premiarase a traxectoria da asociación Levada Libre, pola súa defensa dos valores republicanos democráticos e por ter investigado e divulgado a historia de homes e mulleres, vítimas da represión en Tui.  




 A terceira actividade deste mes está relacionada coa recuperación do itinerario seguido por Antón Alonso Ríos cando estivo fuxido nos montes de Oia e Tomiño. Trátase dun percorrido teatralizado seguindo os seus pasos, de acordo co que el conta nas memorias do Sr. Afranio.  

 E  para os días 26 e 30 de abril están programadas un par de charlas para dar a coñecer a biografía esquecida do derradeiro alcalde republicano de Tui, Guillermo Vicente de Santiago e a súa dona, María Álvarez Fernández. A primeira das charlas será en Tui, o venres 26, ás 20:00, na Área Panorámica; e a segunda na Guarda, no salón de plenos do Concello, ás 20:00. Nestas charlas participarán Victoriano da Goreña, Begoña Vicente e varios socios da Comisión. O día 1 de maio, data da morte de Guillermo Vicente, porase unha placa na súa memoria. O acto terá lugar na súa casa no barrio de Pintán, en Salcidos, ás 12:00 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario