11 de abr. de 2024

GOIÁN (TOMIÑO)

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE denuncia o caos na circulación, a falta de seguridade dos viandantes e os desperfectos nas vivendas no camiño do Carballo, en Goián


María Violeta de Santiago Moure - á der. - e Mirta Isabel Misa Misa, concelleiras do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño


Infogauda / Tomiño

 As concelleiras María Violeta de Santiago Moure e Mirta Isabel Misa Misa, do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño, denuncian  o caos na circulación, a falta de seguridade dos viandantes e os desperfectos nas vivendas no camiño do Carballo, en Goián, motivos polos cales veñen de facer público que logo de manter unha xuntanza coa veciñanza afectada, trasladan o seu “malestar e indignación” e veñen de rexistrar unha moción para debater e votar no vindeiro pleno que debería celebrarse a finais de abril. 

 “O colectivo veciñal síntese totalmente abandoado, desamparado e indefenso ante os perxuizos que lles está a ocasionar a reestruturación dos espazos públicos da vila”, afirma Mª Violeta de Santiago.  

 “Coa peonalización da Avenida Ordóñez e a implantación dun único sentido na estrada da  Rúa, sin un estudo nin plan de tráfico alternativo previo, a un cambio tan radical, incrementouse notablemente o tránsito no camińo do Carballo o que está a supor un auténtico calvario para as persoas que viven na zona, padecendo a diario o paso de vehículos pesados superando a limitación de tonelaxe permitida, cun firme en pésimas condicións, e a falta de beirarrúas que pon en serio risco a seguridade dos peóns, chegando a ter que refuxiarse estes nos portais en numerosas ocasións ante o paso dos coches”, engade a concelleira do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño. 

 A todo isto hai que sumar - dí Violeta de Santiago - que o aumento do tráfico que soporta este camiño a calquera hora do día, está a provocar un incremento considerable da contaminación acústica, que está a causar serios problemas de saúde na veciñanza así como os graves danos e desperfectos nos muros das vivendas, que precisan reparacións costosas das que os propietarios non poden en moitos casos, nin deben responsabilizarse, pois ao ser unha vía municipal, é unha obriga do Concello asumir os gastos de reparación. 

 Unha vez máis o Goberno municipal de Tomiño actúa con prepotencia, soberbia e de maneira absolutamente autoritaria e déspota, ao negarse a recibir as persoas afectadas e non contestar os escritos presentados dende hai preto de tres anos, co silencio como única resposta”. 

 “O Goberno de Tomiño, nun exercizo de hipocresía e demagoxía, presume de que “o concello escoita”, pero o certo é que está abandoando a estes veciños pois nin os escoita, nin lles da respostas, nin moito menos solucións”, afirma a concelleira Mirta Isabel Misa. 

 “Solucións que reclamamos nós, porque o problema foi creado polo propio Concello ao acometer unhas obras sin prever canto e como ían influir esas obras na vida das persoas, e o Goberno local ten a obriga de traballar para mellorar a vida da xente non para crearlle máis problemas”, manifestan as concelleiras do PSdeG-PSOE de Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario