25 de mar. de 2024

NIGRÁN

Plan ÚNICO-Banda Ancha 

Abel Losada subliña o gran avance do despregue da fibra óptica no Val Miñor 

• A comarca atópase entre as que menos permisos pendentes de conceder teñen para acometer as intervencións necesarias para a extensión da conectividade  

• A provincia de Pontevedra é a novena máis áxil neste proceso 

O subdelegado indicou que o Plan ÚNICO fará chegar a fibra óptica nesta fase a outras 18.104 unidades familiares e empresas da provincia  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada desprazouse hoxe a Nigrán onde supervisou, xunto co alcalde, Juan González, o concelleiro de Urbanismo, Diego G. Moreira, e o delegado de Rede Aberta, Óscar Barreiro, os traballos de despregue da fibra que se levan a cabo neste municipio

Foto: S. de G.

Infogauda / Nigrán  

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou o imparable avance no despregue da fibra óptica no Val Miñor, comarca que puxo como exemplo do esforzo do Goberno de España por levar a conectividade dixital con velocidades simétricas mínimas de 100 “megas” ao segundo “ata o último recuncho do último municipio dunha provincia cunha densidade de poboación tan alta e tan dispersa como a nosa”. 

 O subdelegado desprazouse hoxe a Nigrán onde supervisou, xunto co alcalde, Juan González, o concelleiro de Urbanismo, Diego G. Moreira, e o delegado de Rede Aberta, Óscar Barreiro, os traballos de despregue da fibra que se levan a cabo neste municipio. Losada explicou que segundo o último informe do Ministerio para a Transformación Dixital (Mitradi) Nigrán, Gondomar, Mos e Baiona son municipios nos que hai moi poucos permisos pendentes de conceder para acometer as intervencións necesarias no extensión da fibra nesta recta final do Plan ÚNICO-Banda Ancha do Goberno, financiado con fondos europeos do Plan de Recuperación.  

 Abel Losada incidiu no papel destacado que a provincia de Pontevedra mantén na execución dos plans de conectividade a internet de alta velocidade, onde se coloca no noveno posto do total de 52 provincias en canto a axilidade na tramitación de permisos para o seu despregue.  

 Rede Aberta é a firma encargada de realizar os traballos de tendido de fibra da anualidade de 2024 e mantén en fase de planificación os correspondentes ata 2025, ano no que se alcanzará a cobertura en toda a provincia. A empresa, cunha adxudicación de 7.685.861 euros neste contrato estatal, ten previsto un investimento total na súa rede que chegará aos 9.675.858 euros, dado que se trata dun operador neutro que aluga a súa infraestrutura aos operadores provedores de servizos finais.  

 En total está previsto que na provincia de Pontevedra se instalen 3,5 millóns de metros de fibra óptica para levar o servizo a tódolos núcleos de aquí a decembro de 2025, “o que supón un gran esforzo de enxeñería para encaixar todo ese cableado principal e secundario e os nodos de conexión”.   

 Actualmente as zonas nas que se está tendendo cable de maneira máis avanzada son o Val Miñor (especialmente en Nigrán), o Baixo Miño, Arousa, o norte do Deza (Lalín, Agolada e Rodeiro) e a zona da Louriña (O Porriño, Mos e Salceda de Caselas), así como a Paradanta (Arbo e As Neves).  

 Abel Losada indicou que nesta fase, o plan ÚNICO-Banda fará chegar a fibra óptica a outras 18.104 unidades familiares e empresas de aquí a finais de 2025 “mellorando así a nosa competitividade e facendo posible que todo o mundo desenvolva un proxecto laboral e de vida alá onde decida residir”. “Non hai mellor investimento para equiparar territorios que equiparar servizos”, insistiu.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario