17 de xan. de 2025

VIGO

Milleiros de persoas ateigaron as rúas de Vigo para esixir a “reconstrución” da área sanitaria 

  SOS Sanidade Pública reclama que se depuren responsabilidades políticas polo sobrecusto do hospital Álvaro Cunqueiro


A marcha, que se celebrou baixo o lema ‘Reconstruír a área sanitaria de Vigo’, arrincou ás 19:10 horas da Praza dos Cabalos e rematou no cruzamento da rúa Urzaiz con Colón

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Máis de 60.000 persoas ateigaron onte as rúas de Vigo para esixir a “reconstrución” da área sanitaria para garantir a calidade asistencial fronte á política de recortes da Xunta de Galiza. Coa mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública demándase tamén a depuración de responsabilidades polo sobrecusto de máis de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro, tal e como recolle un informe do Consello de Contas.

  A marcha, que se celebrou baixo o lema ‘Reconstruír a área sanitaria de Vigo’, arrincou ás 19:10 horas da Praza dos Cabalos e rematou no cruzamento da rúa Urzaiz con Colón, onde as integrantes do grupo de teatro A Panadaría deron lectura ao manifesto da organización. O texto chama a dotar a área sanitaria viguesa dos recursos humanos e materiais precisos para conseguir unha asistencia sanitaria “100% pública e de calidade” e reclama as responsabilidades políticas oportunas polas condicións de licitación e construción do Álvaro Cunqueiro.  

 Un novo hospital “que non serviu” para acadar os obxectivos fixados no Plan funcional inicial, nin na construción das estruturas necesarias de Atención hospitalaria para poder atender o 100% da cidadanía (de 2000 camas hospitalarias a un máximo de 1366); nin no reforzamento da Atención Primaria; nin na diminución do peso da sanidade privada.  

 En consecuencia, a área sanitaria está a ver incrementadas as listas de agarda tanto en Atención Primaria como en consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas; os servizos hospitalarios carecen do persoal e os espazos suficientes para dar resposta ás necesidades da cidadanía; a carteira de servizos está incompleta para manter o negocio da sanidade privada; e o servizo de urxencias está saturado por un deseño insuficiente e unha Atención Primaria debilitada.  

 Diante disto, SOS Sanidade aposta por rescatar a concesión do Álvaro Cunqueiro para o ámbito público e proceder á súa ampliación en base ao proxecto funcional do novo hospital de Vigo (1265 camas); recuperar a atención primaria incrementando o investimento e levar a cabo unha reordenación asistencial da área sanitaria, ademais de crear unha serie de novos servizos e infraestruturas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario