25 de mar. de 2024

TUI

A música tradicional protagonista nas festas de San Telmo 

 As corais tudenses levarán a música as residencias San Telmo e Paz e Ben, e ao Centro de Día Amoralia  


A cultura e música tradicional estará moi presente nas festas de San Telmo

Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 A cultura e música tradicional estará moi presente nas festas de San Telmo que comezarán este sábado 30 de marzo. Ao longo do programa festivo poderemos disfrutar de distintas actuacións de grupos tradicionais tudenses dende grupos folclóricos a bandas de gaitas, e o traxe tradicional terá o seu desfile exaltación tamén nos festexos.  

 Así o grupo folclórico Santa Columba, de Ribadelouro, actuará o sábado 30, ás 12 h, na praza da Inmaculada acompañado polos Xigantes e Cabezudos, achegando unha boa mostra do noso folclore.  

 Ás 20.45 h será a quenda das bandas de gaitas Arume, de Malvas, e Lembranzas da Terra, de Guillarei, que ao remate da gala de entrega dos Premios Cidade de Tui, desfilarán dende o edificio Francisco Sánchez até o Paseo da Corredoira onde ofrecerán unha actuación.  

 O domingo 31 ás 17 h no Teatro Municipal celebrarase o Festival Folclórico Festas de San Telmo no que participan os grupos locais interpretando ao longo de algo máis de dúas horas muiñeiras, pandeiros, xotas, ribeiranas,…, e no que farán gala do seu bo facer. Este ano participarán por esta orde os grupos Santa Columba, de Ribadelouro; San Telmo, Traxe Tradicional, Seixos Albos, de Areas; Lembranzas da Terra, de Guillarei; Inquedanzas, de Pazos de Reis; O Mosteiro, de Pexegueiro; Xuntanza, de Randufe e Darraia.  

 Por outra parte o domingo, 7 de abril, ás 12.30 h terá lugar o tradicional desfile-exaltación do traxe tradicional que partirá da Glorieta de Vigo para percorrer o Paseo da Corredoira, a rúa Ordóñez, Porta da Pía, Seixas e a praza de San Fernando. No mesmo participan ducias de persoas ataviadas co traxe tradicional, moitas delas co tudense.  

 A música coral tamén forma parte do programa das Festas de San Telmo, xa que as corais tudenses Ponte das Febres, San Telmo e do Centro Sociocomunitario, actuará o luns 1, martes 2 e mércores 3 na Residencia Paz e Ben; no centro de día Amoralia, e na Residencia San Telmo, respectivamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario