6 de mar. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés sela a continuidade de Míriam Sempere 

 A actual capitá é a primeira peza do proxecto do club para 2024/25  

 Será a quinta tempada da porteira de Santa Pola, capitá no presente curso 

Míriam Sempere: “Estou moi contenta coa renovación. Agradecida ao club por seguir contando comigo un ano máis e poder seguir traballando xuntos” 


Míriam Sempere renovou o seu contrato co club Mecalia Atlético Guardés
Foto: M.A.G.

Redacción / Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés blinda a Míriam Sempere na súa portería o próximo curso. A gardameta de Santa Pola, actual capitá do primeiro equipo, renovou o seu contrato co club, co que afrontará a súa quinta tempada.  

 Seguridade, liderado e entrega. Son atributos que o conxunto miñoto garante coa presenza da gardameta alacantina para a próxima tempada 2024/25, tras un curso no que está a defender a portería a un espléndido nivel, con brillantes actuacións e memorables paradas en cada xornada.  

 Presente e futuro, con Míriam Sempere e o Mecalia Atlético Guardés camiñando xuntos. O seu talento non deixou de deleitar ao público da Sangriña na presente tempada, na que aínda queda moito por vivir. Por diante, o últimos tres partidos da liga Regular e o que veña despois; así como unha emocionante fase final da Copa da Raíña, en San Sebastián.  

Miriam Sempere: “Estou moi contenta coa renovación” 

 “Estou moi contenta coa renovación. Agradecida ao club por seguir contando comigo un ano máis e poder seguir traballando xuntos”. Esas son as primeiras palabras de Míriam Sempere tras a súa renovación. “Quedo un ano máis na Guarda porque se segue contando comigo e porque me encanta o pobo, a súa xente e a forma que teñen de vivir o balonmán. Vin para un ano e xa van ser cinco”, afirma.  

 Sobre como está a levar a capitanía do primeiro equipo, recoñece que “cando cheguei fai catro anos non se me pasou pola cabeza que sería a capitá do guardés”, pero afróntao “vivíndoo a día de hoxe co respecto e a responsabilidade que iso conleva”. Nas súas palabras, o seu obxectivo este ano foi “crear un bo grupo humano e que a xente se sentise a gusto aquí e creo que se logrou”.  

 En referencia ao rendemento do equipo, tras a profunda renovación que viviu a principios de tempada, resalta que “sabía que tarde ou cedo ía render ao nivel que está a día de hoxe. Sabía que era un diamante que había que puír e niso seguimos traballando”. E albisca un futuro aínda mellor: “Creo que aínda nos queda moito por ensinar e que non chegamos ao noso teito”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario