A Xunta de Galicia blinda un ano máis a zona de nidificación e cría da única parella de mazarico real existente na península ibérica para favorecer a súa protección
• O acordo de colaboración, por importe de 5.000 euros, permite dispoñer dunha superficie de 9,3 hectáreas de monte en Castro de Rei e propiciar que se desenvolvan nela labores de mantemento para acondicionar o hábitat da especie
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou hoxe un convenio de colaboración coa presidenta da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común Granda Abilleira e Salgueiros, Pilar Mouriz, para blindar un ano máis a zona de nidificación e cría da única parella de mazarico real existente na península ibérica para favorecer a súa protección.
A responsable autonómica puxo en valor que este é o cuarto ano que se asina o acordo entre as partes -por importe de 5.000 euros anuais- co fin de dispoñer dunha superficie de 9,3 hectáreas neste monte veciñal en Castro de Rei (Lugo) e propiciar que se desenvolvan nela labores de mantemento para garantir a conservación dunha axeitada calidade estrutural do hábitat de nidificación do mazarico real. Esta é unha das zonas nas que adoita frecuentar a especie, xunto a unha finca próxima do aeródromo de Rozas, tamén en Castro de Rei, propiedade do Goberno central.
O convenio, que ten vixencia ata decembro deste ano, pretende cubrir os gastos das rozas previstas para manter a landa e a matogueira da zona, a retirada de restos e residuos que poidan alterar o bo estado de conservación do hábitat de mazarico real dentro da parcela ou a sinalización de prohibición do tránsito de vehículos dentro da zona acoutada e durante o período de nidificación.
A conselleira salientou a importancia de velar pola protección desta especie e de facer un seguimento da súa poboación, polo que a este convenio se suman outras colaboracións como a que se vén mantendo nos últimos anos -desde 2020- coa Universidade de Santiago de Compostela para avaliar a poboación nidificante, cun investimento acumulado de 84.000 euros, ou as accións de control de depredadores desenvolvidas no aeródromo de Rozas, cun investimento de 72.000 euros desde 2020.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, explicou que á marxe das actuacións para facilitar a nidificación e reprodución da especie, a Xunta está a avaliar tamén a posibilidade de importar ovos de mazarico real doutros países co fin de promover a reprodución ex situ para favorecer o seu asentamento e cría na comunidade. Non obstante, a posta en marcha desta medida dependerá das conclusións dos informes xurídicos e técnicos solicitados polo Executivo galego para analizar a viabilidade do seu desenvolvemento.
Comportamento da especie
O mazarico real adoita visitar Galicia entre os meses de febreiro e xullo como paso previo á súa migración cara ao sur da Península Ibérica, incluso as costas do norte de África. Por iso, a Xunta habilitou un espazo de 310 hectáreas localizado no lugar de Rozas para crear un hábitat adecuado e único na península ibérica para favorecer a súa nidificación e cría. De feito, Castro de Rei é o único refuxio de toda a península ibérica que alberga poboación nidificante desta especie, rexistrándose tres exemplares en 2025: unha parella e un individuo viúvo.
O estado de conservación desta especie nidificante na península ibérica é critico, polo que son fundamentais as distintas accións desenvolvidas para garantir a continuidade da especie. Nese contexto enmárcanse os traballos de roza, mellora e acondicionamento da área de nidificación así como as medidas postas en marcha para evitar o impacto de depredadores na contorna de Rozas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario