13 de xan. de 2026

VIVENDA

Belén do Campo anima á cidadanía a solicitar as axudas a particulares para mellorar a imaxe exterior das súas vivendas e doutros bens a partir do 16 de xaneiro 

 Esta orde duplica o seu orzamento con respecto á convocatoria anterior ata os 2 millóns de euros co propósito de beneficiar a máis de 700 persoas

 As axudas permitirán subvencionar ata un máximo de 3.000 euros por solicitante, para actuacións en fachadas, cubertas e muros de peche —as intervencións máis habituais— así como para a retirada de elementos anexos que deterioren a imaxe dos inmobles


A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitou, esta mañá, unha vivenda beneficiaria da convocatoria de axudas do ano 2025

Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitou, esta mañá, unha vivenda beneficiaria da convocatoria de axudas do ano 2025 destinada a propietarios particulares para a realización de actuacións orientadas á mellora estética de inmobles e á eliminación de elementos que xeren impacto visual negativo.  

 Durante a visita, Belén do Campo avanzou que o próximo venres 16 de xaneiro se publicará unha nova convocatoria desta liña de incentivos, cun orzamento total de 2 millóns de euros, e cun prazo de presentación de solicitudes que permanecerá aberto ata o 16 de febreiro de 2026. A  concesión das subvencións realizarase por concorrencia non competitiva,  tendo en conta o orden cronolóxico de entrada de solicitudes.  

 A delegada da Xunta animou á cidadanía a seguir participando neste programa, enmarcado na estratexia de impulso do fermosismo, que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, vén desenvolvendo desde hai cinco anos a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), co obxectivo de reducir impactos paisaxísticos en inmobles de titularidade privada.  

 Neste sentido, Belén do Campo destacou que a próxima convocatoria duplicará os fondos dispoñibles, pasando de 1 a 2 millóns de euros, co propósito de beneficiar a máis de 700 persoas. Segundo explicou, este incremento responde á elevada demanda rexistrada nas edicións anteriores e reforza o compromiso da Xunta coa mellora da calidade paisaxística do territorio galego.  

 As axudas permitirán subvencionar ata un máximo de 3.000 euros por solicitante, para actuacións en fachadas, cubertas e muros de peche —as intervencións máis habituais— así como para a retirada de elementos anexos que deterioren a imaxe dos inmobles, unha posibilidade incorporada recentemente ás bases reguladoras.  

 Ao igual que en convocatorias anteriores, a Xunta asumirá ata o 70% do custo subvencionable, o que permitirá mobilizar arredor de 3,5 millóns de euros en investimentos totais, sumando as achegas públicas e privadas.  

 A orde de 2026 incluirá tamén importantes novidades, como a posibilidade de que os usufrutuarios dos inmobles poidan solicitar as axudas, ampliando así o número de potenciais beneficiarios. Ademais, o prazo de presentación abrirase ás 12.00 horas do mediodía, co fin de facilitar a tramitación, xunto con outras medidas orientadas á simplificación administrativa.  

Convocatoria 2025 

 A representante do Goberno autonómico comprobou a actuación realizada, o ano pasado, no inmoble visitado en Santiago de Compostela que recibiu unha subvención de 3.000 euros, que lle permitiu levar a cabo a rehabilitación da cuberta, incluíndo a substitución da tella antiga por tella cerámica vermella, así como o impermeabilizado e o illamento do tellado. As actuacións incluíron, entre outras intervencións, a retirada do material deteriorado, a limpeza da cuberta, o tratamento e pintado da cheminea, a impermeabilización das zonas sensibles e a colocación dunha nova cubrición con sistemas de fixación e illamento que melloran a eficiencia e a durabilidade da construción.  

 Nesta liña, Belén do Campo subliñou que, no ano 2025, recibiron estas achegas na comarca de Santiago 10 particulares de 4 concellos, Santiago de Compostela (5), Teo (1), Val do Dubra (3) e Vedra (1), por un importe total de 30.000 euros. Na provincia estes apoios chegaron a 76 beneficiarios por un importe de máis de 221.000 euros.  

Seis anos de apoio ao fermosismo 

 Esta será a sexta edición consecutiva deste programa de axudas en Galicia promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Entre 2021 e 2025 destináronse preto de 7 millóns de euros, que fixeron posible a execución de 2.518 actuacións en inmobles situados en 279 concellos galegos, o que representa case o 90% do territorio autonómico.  

 O investimento total mobilizado neste período supera os 12 millóns de euros, sumando os fondos públicos e a contribución dos particulares. Uns datos que, segundo subliñou Belén do Campo, confirman o avance de Galicia cara a un modelo de desenvolvemento máis respectuoso coa paisaxe e co patrimonio construído.

Ningún comentario:

Publicar un comentario