11 de xan. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés comeza 2026 pisando forte (24-19) 

O Mecalia non tivo problemas para vencer ao Zonzamas Lanzarote este sábado na Sangriña e inaugurar 2026 coa duodécima vitoria da tempada 

As de Ana Seabra necesitaron uns instantes para desengancharse do seu rival na primeira parte, aínda que resistiron coas súas propias armas ante un xogo ofensivo e defensivo moi agresivos 

En ataque, tiveron protagonismo todas as xogadoras de forma moi coordinada, destacando os catro goles de María Palomo, aínda que as 13 paradas de Sabina Mínguez foron cruciais para o resultado 


Ania Ramos nunha acción sobre á porta do Zonzamas Plus Car Lanzarote
Fotos: SportCoeco
Logo de rematar o encontro cunha nova vitoria local, as xogadoras do Mecalia Atlético Guardés compartiron súa ledicia cos seareiros de O Inferno

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés comeza o novo ano demostrando que segue sendo o mesmo. As de Ana Seabra certificaron unha vitoria de categoría este sábado na visita do Zonzamas Plus Car Lanzarote á Sangriña, asinando un encontro con grandes actuacións defensivas e ofensivas que souberon controlar a partir do seu primeiro cuarto. Destacou o xogo en ataque coordinado de todas as xogadoras sobre a pista, con María Palomo con catro goles como máxima anotadora local, e Sabina Mínguez foi crucial baixo paus con 13 paradas. 

 O encontro comezou cun alto ritmo, con ambos os equipos ofrecendo unha defensa moi agresiva desde o inicio e sufrindo para atopar ocos. A primeira en facelo foi Marie Louis de parte do Zonzamas, pasado o segundo minuto desde o inicio, momento en que o Guardés xa lle había sonsacado dúas paradas a Alicia Robles. Foi María Palomo a encargada de inaugurar o marcador anfitrión, ao bordo do final do primeiro parcial de cinco minutos (1-1, min. 4). Este encontro requiriría paciencia e concentración para o conxunto que quixese gañalo. A igualdade mantívose nos compases seguintes, aínda que o equipo baixomiñoto empezou a levar a dianteira a partir dun acerto desde os sete metros da man de Elena Martínez no minuto 7. Foi por mor da exclusión da exguardesa Pauli Fernández na xogada seguinte que as locais comezaron a mostrar algo de superioridade e confianza como para ir abrindo a distancia aos poucos, da man tamén de tres aparicións consecutivas de Sabina Mínguez baixo paus (6-4 min. 12).  

 A velocidade do xogo reduciuse lixeiramente nos minutos seguintes debido ás numerosas faltas, sinal da marcada atención que ambos os cadros poñían na resistencia defensiva. O Zonzamas comezaba a desinflarse en ataque, pero lía perfectamente as intencións guardesas ás portas da súa barreira. Só a capitá María Sancha rompeu a seca, cun espectacular canonazo á rede de Robles pasado o ecuador da primeira metade, que daba argumentos ao liderado das súas (7-4, min. 15) e facía a Juan Rivera solicitar o primeiro tempo morto do partido. 

 As anfitrioas souberon manter a renda durante o resto do período, manexando a un rival canario moi enérxico e que non se rendeu, pelexando cada balón. Pero un acerto de Ari Portillo desde o extremo fixo tremer á bancada da Sangriña a falta de algo menos de cinco minutos para o descanso, igualando a renda máxima conseguida xa minutos atrás (12-7, min. 26). Para terminar, Carme Castro igualou a xogada desde o extremo oposto, asinando o último gol da primeira parte de mans guardesas, só condicionado polo terceiro acerto consecutivo de Marie Louis desde a liña de penalti (13-8, min. 30). 

 A segunda metade do partido comezou exactamente da mesma maneira: co cuarto e quinto gol de sete metros da extremo do Zonzamas, que non fallaba e facía méritos por recortar distancias (13-10, min. 33). Lorena Téllez respondeu entón co primeiro tanto guardés desde o descanso, decidida a non botar por terra o traballo do anterior período.  

 Con todo, atopábanse agora as de Ana Seabra cun novo obstáculo: a portería do equipo insular cambiou de nome, e Valentina Menucci incorporouse ao xogo con tres paradas de categoría. Debía buscar máis armas ofensivas agora o Mecalia se quería confirmar a súa superioridade ante un rival que se reforzou no receso. E unha delas atopouna, precisamente, baixo os seus propios paus, pois Mínguez seguía nos seus trece e acumulaba xa outras dez paradas pola súa banda, responsables en gran medida do baixo do marcador visitante a estas alturas (15-10, min. 38).  

 Grazas a esta presión na porta, sumado á insistencia de xogadoras como Téllez, Sancha, Cacheda ou Palomo, o Guardés pechou filas e non perdeu a calma, superando o terceiro cuarto do partido coa mesma renda de cinco goles (18-13, min. 45). Necesitaría algo máis o Zonzamas se quería darlle a volta ao encontro en O Inferno, xa que as locais demostraban telo todo máis que previsto. 

 Todo se mantiña igual de fronte ao peche do partido, aínda que Ana Seabra solicitou parar o tempo a falta de oito minutos para o final para asegurar os dous puntos. Non cesou o axustado da loita entre ambos os equipos, coa portería e os sete metros -once entre os dous conxuntos ao longo de todo o partido- como elementos cruciais aínda para o resultado. Menucci resistía, e Mínguez imitábaa; mentres todas as xogadoras de negro e dourado facíanse notar no 40x20. A garra do persoal lanzaroteño tampouco desapareceu ata o último segundo, como así o demostraba o acerto de Brenda Roger in extremis; aínda que o partido quedara sentenciado desde antes do descanso, e o Guardés volveu sumar dous puntos cun marcador rival baixo (24-19, final), vitais para seguir na loita polo liderado ligueiro ante un Bera Bera que hoxe tampouco fallou na súa visita ao Porriño (24-26). Agora, cambio de chip para afrontar o soño europeo dentro dunha semana nun mesmo pavillón da Sangriña que o espera con ganas.  

Mecalia Atlético Guardés(13+11): Sabina Mínguez (p.), Cecilia Cacheda (3), María Palomo (4), Elena Martínez (3), Ania Ramos (2), Jazmín Mendoza (1), Lorena Téllez (3) [sete inicial], María Sancha (3), África Sempere, Blazka Hauptman (1), Rosane Serrano (1), Carme Castro (2), Ariana Portillo (1), Amandine Balzinc (p.) e Melina Rodríguez (p.). 

Zonzamas Plus Car Lanzarote (8+11): Marie Louis (9), Ingrid Roger (1), Pauli Fernández (3), Claudia Kaulback, Alicia Robles (p.), Brenda Roger (7), Irene Botella (2) [sete inicial], Valentina Menucci (p.), Gleinys Reyes (1), Luna Vonina (2), Paula García, Nahomi Márquez, Daniela Jerónimo e Madalena Masseu.  

Marcador cada cinco minutos: 1-1, 4-3, 6-4, 9-5, 11-7, 13-8, 14-10, 15-10, 18-13, 19-13, 20-15, 24-19. 

Árbitros: Jorge López e José Luis Hernández. Amoestaron con tarxeta amarela á local Gloria Rodríguez (oficial) e á visitante Irene Botella e excluíron con dous minutos á local Lorena Téllez e ás visitantes Pauli Fernández e Nahomi Márquez. 

Incidencias: Partido de décimo cuarta xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón da Sangriña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario