BALONMÁN FEMININO
O Guardés continúa o seu atarefado calendario coa visita a Granollers
• Visitará este mércores (20.30 horas) ao KH-7 BM Granollers, buscando empezar con boas sensacións unha semana que terminará co reto da competición europea na Sangriña
• Esta noite viaxarán en avión todas as xogadoras fóra de Nerea Gil, que seguirá de baixa polo menos dúas semanas máis
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés continúa coa súa apertada axenda de xaneiro. Este mércores, as de Ana Seabra visitarán ao KH-7 BM Granollers (20.30 horas) para xogar a décimo quinta xornada ligueira, e con ela dar comezo a unha semana que terminará coa visita da EHF European Cup á Sangriña. A convocatoria para deste 14 de xaneiro mantense sen novidades, coa única baixa de Nerea Gil.
O Guardés chega motivado e con ganas de dalo todo nun mes de xaneiro que comporta múltiples retos. As de Seabra pasaron con nota o primeiro dos oito duelos previstos para estas catro semanas, ao vencer con carácter ao Zonzamas Lanzarote en casa o pasado sábado (24-19). Tras saír á pista con mentalidade máis ben de resistencia, os primeiros minutos serviron ás da Sangriña para desengancharse do seu rival canario e abrir un espazo importante que mantiveron xa ata o final. Un bo comezo ante un reto nada sinxelo de superar, e que axuda a sumar sensacións para outras citas que serán igualmente cruciais para o devir da tempada, como a de leste mesmo mércores no Palau.
Tampouco será sinxelo, en primeiro lugar pola gran carga de desprazamentos que o equipo baixomiñoto terá que superar para atender aos seus compromisos. Neste caso, e querendo palialo, pois o persoal adoita preferir a viaxe en autobús, a comitiva guardesa viaxará durante a noite deste martes en avión desde Vigo, para non apurar tampouco o descanso previo ao partido na xornada de mañá. En canto á convocatoria, voarán todas as xogadoras, fóra de Nerea Gil. A central navarra continúa de baixa tras a súa operación no xeonllo esquerdo e a súa reincorporación terá que esperar, polo menos, un par de semanas máis, aínda á espera de novas indicacións médicas.
A deste mércores volve ser unha cita ante un rival duro de pelar, pois o Granollers é un equipo afeito a loitar. Aínda que o equipo catalán non acaba de atopar un ritmo regular esta tempada, chegando en noveno lugar clasificatorio cun balance de catro vitorias, tres empates e sete derrotas; as de Robert Custa deixaron grandes actuacións nas últimas xornadas. As súas derrotas, ningunha demasiado folgada, non desmerecen a dificultade de lograr as táboas contra equipos fortes como o Elxe (21-21), o Málaga (29-29) ou o Beti-Onak (24-24), froito dun ataque moi rápido e característico capaz de poñer en xaque ao rival en moitas ocasións.
Na súa visita desta tempada á Sangriña no pasado mes de setembro, de feito, as catalás estiveron a piques de causar a repartición de puntos, despois de liderar o encontro ata que o conxunto anfitrión remontou cun parcial 9-5 nos dez minutos finais (23-22). En calquera caso, obrigaron ao Guardés para reaccionar in extremis e a cometer moitos erros non forzados, dúas cuestións que Ana Seabra tivo moi en conta para preparar esta segunda ocasión en que ven as caras. Coa loita na zona media notablemente máis axustada que na cabeza da táboa, o Granollers non ten tempo que perder e empregará todos os seus medios en tentar sumar puntos moi necesarios.
Tras o encontro, o equipo baixomiñoto viaxará de volta á Guarda para prepararse para a segunda gran cita da semana: a ida de oitavos de final da EHF European Cup o sábado, ás 19.00 horas, na Sangriña, para a cal xa están dispoñibles as entradas na oficina do Club.
Ana Seabra: “Teremos que manter o noso patrón defensivo. O partido pode decidirse por pequenas marxes de diferenza e pola xestión de momentos cruciais”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, coincide ao adiviñar as pretensións do rival. “O Granollers tivo unha tempada máis irregular e quererá loitar por puntos importantes xogando en casa, o que sempre é complicado para nós”, explica, indicando que para logralo, o equipo catalán “quererá manter o seu alto ritmo ofensivo desde o principio e aproveitar as transicións rápidas”.
Como resposta, a súa fórmula volve centrarse na defensa: “Unha vez máis, teremos que manter o noso patrón defensivo cunha alta efectividade e condicionando ás súas principais figuras”, entre as que destacan a calidade da central Martina Capdevila, a pivote Cristina Polonio ou a lateral exguardesa Itziar Martínez, todas elas moi capaces á ofensiva. En calquera caso, a técnica do Mecalia indica que “o partido pode decidirse por pequenas marxes de diferenza nos goles e pola xestión dos momentos cruciais”, polo que non será nada sinxelo. “Teremos que traballar moito e ben para conseguir os dous puntos”, conclúe.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 15
KH-7 BM Granollers – Mecalia Atlético Guardés
Mércores, 14 de xaneiro | 20.30 horas | Palau d’Esports|
Retransmisión pola canle de YouTube de VOTV:

Ningún comentario:
Publicar un comentario