6 de mar. de 2024

O ROSAL

Implicación veciñal e arte para continuar revolucionando mentes no 8M no Rosal  

 O Concello celebrará este venres unha concentración coa lectura do manifesto do Día Internacional da Muller a cargo do alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier  

 Durante o mes de marzo poderá verse no salón de exposicións a mostra ‘Non sexas cómplice’  

 


Infogauda / O Rosal

 O Rosal mantén o seu firme camiño para seguir ‘Revolucionando Mentes’ e reivindicando a igualdade. Ao abeiro do 8M. Día Internacional da Muller, o Concello programa varias actividades que buscan a implicación da veciñanza para acadar unha igualdade real, comezando polas que serán as xeracións do futuro.  

 Deste xeito, este venres o Concello convoca unha concentración ás 12.00 horas na Praza do Calvario na que o alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier será o encargado de ler o manifesto do 8M acompañado por representantes do Goberno municipal e por todos aqueles rosaleiros e rosaleiras que se queiran achegar ata alí.  

 “Non só nesta data, senón durante todo o ano debemos reivindicar o labor das mulleres na sociedade, seguir dando pasos cara a adiante para reivindicar unha igualdade de oportunidades que nos permita rachar con todos os teitos de cristal que aínda temos por riba das nosas cabezas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Por outra banda, durante todo o mes de marzo rosaleiros e rosaleiras poderán achegarse ao salón de exposicións para desfrutar de ‘Non sexas cómplice’, unha mostra itinerante do Instituto das Mulleres, do Ministerio de Igualdade, que busca concienciar sobre a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e evitar a súa tolerancia social. A través de diferentes soportes visuais, a exposición denuncia e amosa de xeito sinxelo as fases da trata (captación, transporte e explotación) e pon de manifesto os factores de vulnerabilidade da vítima e as causas e consecuencias desta grave violación dos dereitos das mulleres que implica enormes secuelas físicas, psicolóxicas e tamén sociais.  A alcaldesa convida a toda a veciñanza a participar na concentración e na lectura do manifesto do Día Internacional da Muller previstas para este propio 8M e a achegarse ao salón de exposicións para coñecer esta mostra ao longo do mes de marzo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario