11 de xuño de 2021

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A “Asociación para a recuperación da memoria histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás” foi presentada públicamente

José Manuel Domínguez Freitas: “A asociación nace con raices, as que puxeron hai anos persoas como Xoán Noia, Manuel Domínguez (Taxota), e todos aqueles que compuxeron a Comisión Cidadá dos anos 80 que deron dignidade á Fosa Común de Sestás”


José Antonio Uris Guisantes - a esq. da imaxe - e José Manuel Domínguez Freitas, no acto de presentación da “Asociación para a recuperación da memoria histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás” - Fotos: ARMH
Aspecto que presentaba o interior da Escola da Poza, de Camposancos durante o acto de presentación


 Infogauda / Camposancos

 Na tarde deste venres día 11 de xuño de 2021, tivo lugar na Escola da Poza, de Camposancos, a presentación pública da “Asociación para a recuperación da memoria histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás”, acto que contou coa asistencia dunha representación da veciñanza de Camposancos e da contorna.

 José Manuel Domínguez Freitas, presidente da “Asociación para a recuperación da memoria histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás” destacou na súa intervención que “a asociación nace con raices, as que puxeron hai anos persoas como Xoán Noia, Manuel Domínguez (Taxota), e todos aqueles que compuxeron a Comisión Cidadá dos anos 80 que deron dignidade á Fosa Común de Sestás”. Asemade, afirmou que “é preciso documentar e dar a coñecer o que pasou no Colexio dos Xesuitas (Campo de Concentración de Camposancos) porque a tradición oral é laxa e cambia os feitos co paso do tempo. Por iso, dixo, imos recoller todos os documentos e materiais que teñan relación co Campo de Concentración e Fosa Común, e publicar canto teña interés e nos sexa posible. “Xa temos - engadiu - ultimada unha Unidade Didáctica que faremos chegar ós centros de ensino para que o coñecemento dos feitos empece en idade escolar. Rematou dicindo que “o fin último é moi ambicioso: Crear en Camposancos un centro de interpretación dos campos de concentración franquistas” .   

 José Antonio Uris Guisantes, gran coñecedor da historia do Campo, destacou que “a partir do 28 de outubro de 1937 comezaron a chegar centos de presos do Fronte Norte e de outros frontes da guerra. A chegada e saída de presos para outras prisións, máis as saída para ser fusilados ou “paseados” era constante, e segundo os nosos datos podemos falar de que por este Campo pasaron preto de 6.000 presos”. Seguiu afirmando que “a Xunta Clasificadora de Presos era a encargada de ir fichando a todos os que entraban ata maio de 1938 e que chegou o Tribunal Militar Permanente Nº 1 de Xixón para axilizar os Consellos de Guerra Sumarísimos que se deron de xuño a setembro dese ano. Neses meses celebráronse 30 Consellos de Guerra e foron xulgados 513 presos. As penas impostas foron: 195 penas de morte, co resultado de 155 fusilados e 40 penas de morte conmutadas; 83 penas de reclusión perpetua; 115 penas de 20 anos de reclusión; 50 penas de 15 anos; 8 penas de 12 anos; unha pena de 9 anos; 2 penas de 6 anos e 36 absolucións”. E citou a Castelao: “Moitas veces os mártires crean mundos que os herois nin tan sequera son capaces de concivir...e na miña terra cumprirase a vontade dos mártires…”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario