Tomiño aposta pola formación e o emprego cunha nova edición do curso de atención sociosanitaria
• O Concello xunto con Idades formará a 15 auxiliares en atención a persoas no domicilio nun curso de 300 horas teóricas e prácticas para persoas desempregadas
O Concello comeza o ano cunha nova oportunidade formativa dirixida a persoas veciñas en situación de desemprego. De febreiro a abril, 15 persoas poderán formarse como auxiliares de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, un curso teórico e práctico organizado pola Concellería de Benestar Social e Deportes en colaboración con IDADES que busca facilitar o acceso ao mundo laboral nun sector en constante demanda.
O curso constará dun total de 300 horas, das que 150 horas serán de formación teórica dende o vindeiro luns 9 de febreiro. As clases impartiranse de luns a venres de 09.30 a 13.30 horas na Escola Obradoiro O Regatiño, de Goián. Tras esta formación, as persoas participantes realizarán prácticas non remuneradas en entidades do sector.
Ao rematar a formación, a empresa ten compromiso de contratación das persoas participantes, que recibirán un diploma acreditativo que ademais de facilitar o acceso ao mundo laboral como auxiliares de Axuda a domicilio, servirá para abrirlles a vía de acceso ao proceso de obtención de Acreditación das competencias profesionais da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Como destaca o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, “dende o Concello continuamos apostando por organizar accións que dan resposta ás necesidades reais do mercado laboral, mellorando a empregabilidade dos nosos veciños e veciñas. Esta formación permitirá a todas as persoas adquirir as competencias necesarias para traballar nun sector con gran demanda de persoal como é o da atención sociosanitaria”.
Dirixido a persoas desempregadas empadroadas en Tomiño, con estudos primarios, formación relacionada co sector socio-sanitario e con carné de conducir, o prazo de inscrición xa está aberto e as persoas interesadas poderán facelo ata o vindeiro 22 de xaneiro ás 13.00 horas a través do formulario habilitado na web municipal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario