2 de feb. de 2024

TUI

Música para celebrar o 12º aniversario da Eurocidade Tui-Valença

 O sábado, 10 de febreiro, ás 21 h no Teatro Municipal de Tui



Infogauda / Tui

 A Eurocidade Tui-Valença celebrará o seu décimo segundo aniversario o próximo sábado, 10 de febreiro, ás 21 horas, no Teatro Municipal de Tui nun concerto a cargo de catro agrupacións tudenses e valencianas.  

 En concreto participarán no evento un centenar de músicos pertencentes  ao Conservatorio Profesional de Música de  Tui,  á Academia  de  Música  da  Fortaleza  de  Valença, á Asociación Musical  de  San Pedro da Torre e á Banda de Música Popular de Tui. Na súa actuación realizarán un percorrido musical a través das cancións máis coñecidas de Galicia e Portugal. 

 O repertorio a interpretar serán Balada Galega  de Juan Montes;  Reflexos Paisagísticos e Balada de Outono, de Bernardo Lima; Alborada Galega, de Pascual Veiga; Grândola, vila morena, de Zeca Afonso; Uma Casa Portuguesa, com arranxos de Amilcar Morais; Catro temas galegos,  de Manuel Mª Veiga;  Cançôes de tradiçâo,  de Luís Cardoso; Que viva Tui ,de José A. Veiga Paradis; e Havemos de ir a Viana,  con arranxos de Alvaro de Sousa.

  Deste xeito sobre o escenario quedará plasmado o intercambio musical que a diario se produce na Eurocidade con músicos valencianos que estudan en Tui e músicos tudenses que o fan en Valença, ou que forman parte de agrupación da outra beira do Miño.  Así a música continúa a tender pontes entre Tui e Valença.  

 As entradas poderanse retirar, de forma gratuíta, dende ás 20 h, no despacho de billetes no Teatro Municipal, cun máximo de dúas localidades por persoa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario