O PP DE TUI CENSURA A XESTIÓN DO GOBERNO DO PSdeG-PSOE TRAS A REVOGACIÓN DA ADXUDICACIÓN DO PARQUIN SUBTERRÁNEO E LAMENTA QUE SIGA SEN DAR SOLUCIÓNS Á FALLA DE PRAZAS
▪ O voceiro municipal, Nico Montes, criticou os cambios de postura do alcalde neste asunto, “xa que pasou a tildalo de pelotazo financeiro a embarcarse nun proxecto que tiña informes contrarios e reparos de todos os técnicos”
▪ Esixe que se depuren responsabilidades, posto que a rescisión do contrato, formalizado en xullo de 2022, vai ser pagada con fondos públicos e hai unha clara incompetencia do executivo en todo este procedemento
Infogauda / Tui
O grupo municipal do PP de Tui vén de censurar, no pleno municipal, a xestión do goberno do PSdeG-PSOE “no proxecto de construción dun parquin subterráneo, cuxo contrato foi revogado pola corporación a proposta do alcalde malia ser o seu impulsor e que, paralelamente, siga sen dar solucións definitivas á falla de prazas de aparcamento mentres continúan a eliminalas do centro urbano”.
O voceiro municipal, Nico Montes, criticou os cambios de postura do rexedor, Enrique Cabaleiro, nesta actuación, xa que “cando estaba en campaña, no ano 2019, tildouna de pelotazo financeiro inasumible, pero que curiosamente, chegado ao goberno poucas semanas despois, converteuna no seu proxecto estrela e impulsouno facendo caso omiso ás preocupantes advertencias dos técnicos municipais que avisaban da súa inviabilidade e do coste inasumible que supuña para o concello”.
Nico Montes cre que “a xestión dos socialistas no tema do parquin foi nefasta, ineficiente e incompetente”, e que “ademais dos malos inicios deste proxecto”, o asunto “torceuse por completo cando o alcalde levantou un reparo en torno ao proxecto e decidiu continuar adiante aínda que contaba cunha forte contestación cidadá en contra”.
“Pero os problemas seguiron - afirma Nico Montes -, xa que se anulou a concesión á empresa gañadora do concurso e traspasouse á segunda mellor baremada, que presentou os proxectos básicos e de execución dous meses despois para o inicio das obras pero que non obtiveron reposta do goberno tudense ata en dúas ocasións, algo polo que os socialistas deberían dar explicacións públicas”.
En todo caso, os populares tudenses “esixen a depuración de responsabilidades no seo do goberno local, chegando, se fora o caso, ata a figura do alcalde, posto que a rescisión do contrato vai supor un custo moi elevado para as arcas municipais que van ser pagados por toda a ciudadanía de Tui”.
Finalmente, lamentaron que “catro anos despois de todo este disparate sigamos sen ter unha solución ó problema do aparcamento e que ademáis sigan eliminando prazas do centro da cidade, sen contar cun plan de futuro e sen ofrecer alternativas, encontrándose agora nunha situación peor que a de fai catro anos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario