9 de feb. de 2024

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aproba o Plan bianual do servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos, que botará a andar en 15 concellos da provincia 

 O presidente provincial, Luis López, explicou que “traballaremos para mellorar os datos de separación de fraccións de residuos” en Baiona, Barro, Bueu, Cangas, A Cañiza, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, O Rosal, Silleda e Tomiño 


Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra na rolda de prensa deste venres
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o Plan bianual (24/25) do servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos de competencia municipal, que botará a andar en 15 concellos da provincia, cun investimento de máis de 455.000 euros. O presidente da institución provincial, Luis López, explicou que “traballaremos para mellorar os datos de separación de fraccións de residuos” nos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Cangas, A Cañiza, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, O Rosal, Salceda, Silleda e Tomiño.  

 A través deste plan prográmanse, organízanse e estrutúranse inspeccións, inicialmente de carácter didáctico, centradas naquelas actividades e persoas produtoras de residuos e nos responsables da súa recollida e xestión. “Insisto -asegurou López -, serán inspeccións de carácter didáctico aínda que, se se observan incumprimentos graves da normativa, levantaremos acta para que o concello correspondente impoña a sanción, se o considera, de acordo coa lei de residuos”.  

 O servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos de competencia municipal que pon en marcha a Deputación de Pontevedra arranca para axudar os concellos no cumprimento da nova lexislación, que supón un cambio na tradicional visión que se tiña do tratamento dos residuos e maiores esixencias para os municipios. “Somos moi conscientes ―afirmou o presidente provincial― da carga de traballo que estas obrigas traen para os concellos e tamén da escaseza de medios que teñen, por iso poñemos en marcha este corpo de vixilancia, inspección e control co obxectivo de mellorar as cifras de separación de residuos dos concellos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario