10 de xan. de 2024

VIGO

Hai algo moi turbio nas relacións entre Vitrasa e o Concello de Vigo




Comité de Empresa de VITRASA

 No día de onte volviamos escoitar o discurso do portavoz do Concello de Vigo, Carlos López Font, pretendendo politizar o conflito de Vitrasa.  

 Novamente debemos lembrarlle ao señor Font que o comité de empresa de Vitrasa está conformado por catro organizacións sindicais (CIG, CCOO, UXT e USO) ben diferenciados e con ideas propias; e que ningunha delas ten unha maioría absoluta para tomar decisións unilateralmente sen acordar co resto, ao contrario do que ocorre no Concello de Vigo. Parece ser que o grupo que ostenta a maioría no Concello pensa que no resto de ámbitos da vida as cousas fanse dese xeito “ordeno e mando”. Pero nada máis lonxe da realidade, as decisións no comité de Vitrasa tómanse democraticamente e debemos chegar a acordos entre as distintas organizacións para levar as decisións adiante.  

 Aconsellámoslle ao portavoz do Goberno local que se mire o embigo antes de verter mentiras sobre nós, xa que parece que se está mirando nun espello cando realiza estas acusacións. Precisamente é no Concello de Vigo onde non se teñen en conta as ideas, reclamacións e propostas realizadas por outros grupos minoritarios, impedindo aos representantes dunha parte importante da cidadanía expresar os desexos dos seus representados/as.  

 Noutra orde de cousas, debemos afear a conduta do grupo maioritario no Concello de Vigo, traizoando os principios das súas siglas. Este grupo político está moi lonxe das persoas traballadoras e moi preto dunha empresa privada que ten unha concesión pública outorgada a dedo estes últimos cinco anos e á que se lle permite realizar recortes nun servizo primordial, e mesmo xustifica estes recortes. Permite unha subida no prezo do billete do 16% nos últimos tres anos, cando prometeu o verán pasado que non subiría. Oculta as cifras do reequilibrio mentres que Vitrasa mantén un superávit de máis de 30 millóns de euros segundo as cifras mostradas nas últimas contas presentadas pola empresa e defende uns reequilibrios millonarios a unha empresa privada mentres que pretende botar por terra as reclamacións económicas dos traballadores/as aludindo a uns supostos “altos salarios”.   

 Mais do reequilibrio do cadro de persoal, que leva co salario conxelado desde o ano 2020, non fala en ningún momento. Hai algo moi turbio nas relacións entre Vitrasa e o Concello de Vigo e todas as manobras que está a realizar este último  poñéndose de lado dunha multinacional privada e en contra dos traballadores/as e cidadáns así o demostran.  

 En referencia ás declaracións da dirección de Vitrasa tras a convocatoria a unha nova reunión o vindeiro xoves, ao comité quédanos claro que as pretensións son desconvocar a folga sen ofrecer nada a cambio. Vitrasa vai ter un reequilibrio millonario, tivo unha subida de tarifas de máis do 16% e pretende empobrecer aos traballadores/as cunhas subidas salariais do 0% nos anos 2021, 2022 e 2023.  

 Volvemos a denunciar a comodidade na que se atopa Vitrasa cos servizos mínimos de folga, obtendo unha maior rendibilidade coa metade da frota e resultándolle indiferente o pésimo servizo ofrecido á cidade, deixando miles de viaxeiros/as tirados/as nas paradas. Debido a esta situación Vitrasa non ten vontade algunha de desbloquear o conflito xa que ademais o Concello non lle obriga a cumprir co labor para o que se lle contratou.  

Vigo, 10 de xaneiro de 2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario