18 de xan. de 2024

TOMIÑO

Tomiño sóbese ao autobús do teatro  

 O Centro Dramático Galego celebra o seu 40 aniversario poñendo un servizo gratuíto de bus o vindeiro mes de abril para ver a súa obra ‘Os actos e as profecías’. É necesaria inscrición previa  Poderá verse os días 12, 13, 18 e 19 de abril ás 18.00 horas 


Infogauda / Tomiño
 

Tomiño prepara para subirse o vindeiro mes de abril ao autobús do teatro. Coincidindo co seu 40 aniversario, o Centro Dramático Galego (CDG) arranca unha nova edición do seu programa de mobilidade, unha iniciativa destinada a achegar a súa produción cultural e teatral a público de toda Galicia coa posta en marcha dun autobús non regular de balde. 

 Co obxectivo de continuar incentivando o consumo teatral entre a veciñanza, o Concello de Tomiño forma parte desta iniciativa abrindo o formulario de inscrición para achegarse de forma gratuíta ao Salón Teatro de Santiago de Compostela e desfrutar da representación da última obra do CDG, ‘Os actos e as profecías’. 

 Esta proposta busca reformular a idea clásica dunha xira, achegando ao público a unha localización estratéxica como alternativa a desprazar a produción, superando os límites xeográficos.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a importancia de apoiar iniciativas como esta “para un acceso equitativo á cultura, achegando o teatro a todos os públicos dun xeito doado e asequible. A cultura é un dereito fundamental e a gratuidade do transporte garante que todas e todos teñamos a oportunidade de desfrutar dela, fortalecendo o tecido teatral e cultural”. 

 As persoas inscritas poderán asistir así á produción central do 40 aniversario do CDG, unha das propostas resultantes do proxecto europeo Phōnē para a posta en valor da diversidade lingüística europea e das linguas minoritarias a través do teatro. A obra emprega o formato dos talent shows como fío condutor, explorando temáticas como a competitividade, as expectativas de superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio. 

 O CDG oferta ata 50 prazas nas que se inclúe o desprazamento de ida e volta gratuíto ata Santiago de Compostela e un desconto para asistir ao espectáculo, que contará con entradas a 3 euros. Tomiñeses e tomiñesas poderán escoller entre catro datas dispoñibles, todas elas con representación ás 18.00 horas: 

- Venres, 12 de abril 

- Sábado, 13 de abril 

- Xoves, 18 de abril 

- Venres, 19 de abril

Ningún comentario:

Publicar un comentario