A exposición Enerxía, auga e máquinas amosa a importancia da auga como fonte de enerxía e de progreso tecnolóxico
• Poderá visitarse ata o vindeiro 16 de febreiro, na Casa dos Alonso
Infogauda / A Guarda
Ata o 16 de febreiro poderase visitar na Casa dos Alonso unha nova exposición - Enerxía, auga e máquinas -, que nesta ocasión nos achega ao mundo da enxeñería e das posibilidades da auga como enerxía e motor de desenvolvemento.
Carlos Javier Álvarez Fernández realizou 5 maquetas nas que se poden ver diferentes máquinas e estruturas que incorporan a roda hidráulica para o seu funcionamento, que en vertical ou horizontal, aproveita unha corrente de auga para facela virar e, mediante diferentes mecanismos de transmisión do movemento, a roda era capaz de poñer en funcionamento muíños, batáns, serras, mazos, foles, acuñadores de moeda etc. As rodas de auga tamén podían ter como cometido a subida da auga desde un nivel inferior a outro superior. Falamos, neste caso, das noras.
Trátase dunha exposición de carácter didáctico, coa que se pretende mostrar o modo no que o home foi capaz de obter, dun elemento natural como a auga, a enerxía necesaria para realizar diferentes traballos ao longo do tempo. Para iso, o enxeño humano tivo que concibir, deseñar e construír máquinas (enxeños mecánicos) que puidesen aproveitar esa enerxía e convertela en traballo.
Na exposición faise referencia a todo iso mediante dez paneis de texto e pódense visualizar cinco “máquinas” construídas en madeira: catro delas teñen en común o emprego de rodas hidráulicas verticais que fan funcionar mazos, muíños, amasadoras e unha empuxadora. Para conseguilo, estes enxeños utilizan diferentes mecanismos de transmisión do movemento da roda aos elementos de traballo: engrenaxes, sistema biela-manivela, levas, poleas e correas. A quinta máquina é unha nora que eleva auga para trasladala a un nivel superior.
A exposición - organizada polo Concello de A Guarda - estará aberta ao público de luns a venres, en horario de 10 a 14h. e os sábados entre as 11h. e as 13.30h. Acceso de balde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario