A música blues arrolará A Guarda esta fin de semana
• O Festival de Música A Guarda Mar de Blues traerá á vila artistas como Tommy Castro & The Painkillers, Javier Turnes & The Hake Men, Mingo Balaguer & Pablo Sanpa ou Julián Maeso
• A banda americana “Tommy Castro & The Pankillers”, dará na Guarda o seu único concerto en Galicia.
Infogauda / A Guarda
A Guarda prepárase para acoller esta fin de semana a terceira edición do festival musical “A Guarda Mar de Blues”, que chegara á Praza do Reloxo os días 7 e 8 de xullo, organizado polo concello de A Guarda en colaboración con Onme Producciones - Mais que Blues e patrocinado por Cervezas Alhambra.
Julián Maeso
A programación arrancará o venres día 7 de xullo ás 22:30h co concerto de Julián Maeso, un dos pratos fortes desta edición. Trátase dun dos músicos máis versátiles que existen no noso país, cualificado por moitos como o “Dr. John” español ou mesmo a reencarnación do gran “Jimmy Smith”, grazas ao dominio e manexo do órgano Hammond. Deleitaranos cun concerto cheo de momentos funk indescriptibles, soul, R&B,... que quedarán gardados para sempre na retina e na memoria de todas ás persoas que se acheguen ao primeiro evento do Mar de Blues, 2023.
Javier Turnes & The Hake Men
As actividades continuarán o sábado 8 de xullo ás 12:00h, cunha sesión vermú con "Javier Turnes & The Hake Men".
Javier Turnes estará na Guarda presentando o seu novo proxecto musical. Trátase dun dos grandes estudosos do blues en Galicia, e xunto a The Hake Men ofrecerán un precioso percorrido polo son de Chicago ata as beiras do río Mississippi.
Mingo Balaguer & Pablo Sanpa
O prato forte chegará o sábado ás 22:30h con "Mingo Balaguer & Pablo Sanpa".
Mingo Balaguer é un dos grandes mestres da armónica no país. Un veterano músico con máis de 30 anos enriba dos escenario, que ten tocado xunto a lendas do blues como Hubert Sumlin, Johnny Winter ou Magic Slim, entre outros moitos. Contará co apoio de Pablo Sanpa, un dos guitarristas con máis recoñecemento no panorama nacional do blues.
Tommy Castro
Tommy Castro & The Painkillers
"Tommy Castro & The Painkillers" subirán ao palco do Mar de Blues sobre as 23:30h cheos de blues, soul, R&B, rock…. Todo iso e moito máis é esta banda procedente de San Francisco.
Tommy Castro ten mais de tres décadas de carreira profesional, infinidade de premios como o recente "Blues Music Award" á mellor banda en directo do ano, milleiros de concertos, unha suculenta e ampla discografía e infinidade de colaboracións xunto a grandes nombres como Carlos Santana, Bob Weir, Greg Alman, Dr. John, Willie Nelson, Jeff Beck, Joe Bonamassa, Elvin Bishop, Charlie Musselwhite, Magic Dick of J Giles, Taj Mahal, Los Lobos ou John Lee Hooker, que fixo a súa última aparición pública, para gravar o disco «Guilty of Love» de Tommy Castro.
Tommy será el encargado de pechar esta terceira edición do Mar de Blues.
Tal e como manifestou o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, na presentación de A Guarda Mar de Blues “é un festival cunha organización impecable e que traerá á Guarda a artistas moi recoñecidos que promoverán a música blues no municipio.”
O concelleiro Fernando Reyes González indicou que este festival axudará a converter A Guarda nun punto de referencia musical, cun evento cultural que se celebrará nun espazo patrimonial tan importante para a vila como é a Praza do Reloxo, dinamizando tamén a economía local en todos os seus ámbitos, posto que traerá á Guarda a numerosos asistentes de varios puntos de Galicia, España e Portugal.
Óscar Martínez Martínez, membro da organización do festival, destacou os grandes músicos que visitarán A Guarda os días 7 e 8 de xullo, que farán as delicias dos asistentes coa súa calidade e experiencias musicais, coma é o caso de Tommy Castro & The Painkillers, Javier Turnes & The Hake Men, Mingo Balaguer & Pablo Sanpa ou Julián Maeso.
LUGAR: Praza do Reloxo - A Guarda
VENRES 7 XULLO
22:30 H
CONCERTO:
JULIÁN MAESO.
SÁBADO 8 XULLO
12:00 H
SESIÓN VERMUT:
JAVIER TURNES & THE HAKE MEN.
CONCERTOS:
22:30 H
MINGO BALAGUER & PABLO SANPA.
23:30 H
TOMMY CASTRO & THE PAINKILLERS.