5 de xul. de 2023

CELANOVA (OURENSE)

Saúde Mental FEAFES Galicia atende a persoas con problemas de saúde mental no rural de Ourense 

A través do programa Senda pola Saúde Mental, que conta coa financiación de Fundación “la Caixa”, Saúde Mental FEAFES Galicia presta apoio e acompañamento a 20 persoas con problemas de saúde mental e 35 familias en concellos de Baixa Limia e Terras de Celanova. 

Hoxe, 5 de xullo realizouse un acto de peche do primeiro ano de traballo neste proxecto, que tivo lugar ás 11:30 na Fundación Curros Enríquez (Celanova) e contou coa presenza de representantes de Fundación “la Caixa”, dos concellos participantes e das persoas usuarias da entidade.  


Participantes no acto de peche do primeiro ano de traballo do programa Senda Pola Saúde Mental

Elena Rodríguez Pérez /  Celanova (Ourense)

 Este mércores 5 de xullo, a Fundación Curros Enríquez, en Celanova acolleu o acto de peche do primeiro ano de traballo do programa Senda Pola Saúde Mental, un proxecto financiado por Fundación “la Caixa” e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia que dá resposta ás necesidades de atención, apoio e acompañamento que teñen as persoas con problemas de saúde mental nas zonas rurais, concretamente nas comarcas da Baixa Limia e Terras de Celanova.   

 O acto deu comezo ás 11:30 e contou coa presencia de Susan Santos Morales, xestora territorial de Fundación “la Caixa” en Galicia; Jaime Sousa Seara, Presidente da Mancomunidade de Celanova e Alcalde de cartelle; Teresa Barge Dapía, Concelleira de Igualdade e Integración Social de Celanova; e de Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia.  



Participantes na mesa redonda

 Tamén tivo lugar unha mesa redonda na que interviñeron Félix Alonso, técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia; María José Traba Rivera, traballadora social do Hospital de Piñor; e dúas persoas usuarias do programa; María José Ferro e Guillermo Fernández. Neste coloquio, as catro persoas contaron, dende os seus distintos papeis no programa Senda Pola Saúde Mental, en que consiste este proxecto e que vantaxes aporta ás persoas con problemas de saúde mental que se benefician del. Tras a celebración do acto, todas as persoas asistentes disfrutaron duns petiscos. 

A saúde mental no rural, unha realidade desatendida 

 A realidade xeográfica de Galicia provoca que existan territorios rurais afastados nos que o acceso e a conexión aos servizos é moi limitada ou inexistente. Isto implica un gran problema para as persoas con problemas de saúde mental que viven nestas zonas, tanto por estar alonxadas dos servicios de apoio como pola soidade que sofren na maioría dos casos. 

 Por iso, desde xullo de 2022, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o programa Senda Pola Saúde Mental en colaboración coa Fundación “la Caixa”. O seu obxectivo é prestar apoio e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental que residen nas zonas rurais, traballando en rede cos recursos e profesionais implicados no proceso individual de cada unha delas. 

 No primeiro ano de implantación do programa, traballouse con 20 persoas en concellos da Baixa Limia (Lobios, Entrimo, Muíños, Bande e Lobeira) e na Mancomunidade de Celanova (Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramiráns e Verea). Este traballo implica un achegamento do persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia ás zonas nas que residen estas persoas, podendo atendelas así na súa contorna. 

 Co programa Senda Pola Saúde Mental avanzamos no obxectivo de achegar os recursos e servizos ás persoas que viven en núcleos de poboación afastados, ofrecerlles atención individualizada e defender o uso efectivo dos dereitos tanto das persoas participantes como das súas familias e persoas achegadas. Tamén facilita a implicación das usuarias e usuarios coa súa contorna, mellorando a súa vinculación inclusiva, positiva e activa na comunidade.  

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario