A Guarda celebrará o Día das Letras Galegas con grupos de música tradicional da vila
• O domingo, 17 de maio, ás 19:30h no Auditorio de San Bieito
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda propón nestas Letras Galegas 2026 un festival folclórico tradicional coa participación dos grupos da vila.
O domingo, 17 de maio, ás 19:30h no Auditorio de San Bieito, dará comezo ese festival folclórico coas actuacións de Vento Mareiro, con baile, pandeiretas e canto; do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, e co grupo de música tradicional Xente Xida.
Ademais, para lembrar e honrar a figura da escritora e xornalista Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, cada grupo lerá un fragmento das novelas da escritora.
Begoña Caamaño
Begoña Caamaño Rascado naceu en Vigo en 1964 e sempre estivo moi implicada nas reivindicacións e protestas, así como no asociacionismo. Aínda que remata Maxisterio, dedícase ao xornalismo e a creación literaria. En 2009, publica a súa primeira novela “Circe ou o pracer do azul”, onde emerxe o relato da sororidade na revisión dos mitos, que é a do canon subvertido á luz dunhas figuras femininas con voz que se subtraen á historia.
Tres anos despois, publica “Morgana en Esmelle” onde propón unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética. A revisión da Materia de Bretaña propicia unha lectura sobre os procesos de transformación social e as tensións e estratexias da acción política e o goberno.
Begoña Caamaño foi distinguida co Premio da Crítica de narrativa galega (2012) e o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria (2013).
Begoña Caamaño faleceu en 2014, en Santiago de Compostela, aos 50 anos, por un cancro de páncreas, deixando obras inacabadas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario